Continúa o programa ‘Punto e seguido’ en Lugo coa estrea da obra Sombra vermella da compañía Tik Teatro

A segunda xornada do programa ‘Punto e seguido’ que se desenvolve estes días en Lugo estará centrada no teatro, logo dun primeiro día dedicado á danza e a música. Así, o martes 22 a compañía Tik Teatro estrea a súa última obra, Sombra vermella. Tik Teatro é o grupo dramático da residencia universitaria Bal e Gay, onde teará lugar a representación a partir das 20.30 horas. Sombra vermella componse de retallos de obras de Eduardo Galeano, William, Shakespeare ou Javier Gutiérrez Rubio, ademais de textos propios de Tik Teatro. “Estamos cheos de sombras e claros, de risas e choros, de vida e morte... A liña que as separa é tan estreita, que ás veces se mesturan nun mesmo intre... Esta liña é a que fía os textos que compoñen este pequeno divertimento teatral”, explican os responsables da compañía. Outras citas do programa ‘Punto e seguido’ continúa o mércores 23 ás 20.30 horas coa representación no auditorio Gustavo Freire da obra In yer face. Na túa cara, da compañía de teatro da USC en Lugo. O xoves 24 a cita será ás 18.30 horas na praza de Santa María, onde se celebrará un concerto colectivo a cargo da banda do Centro de Música de Fingoi, o Conservatorio Profesional de Música e a escola de música Fábrica de Sons. O mesmo xoves 24, ás 20.30 horas, o grupo musical Lobalú actuará no auditorio Gustavo Freire para presentar o seu último disco, Haikus. O programa de actividades péchase o luns 28 ás 20.30 horas no Círculo das Artes cun concerto do coro da Universidade de Santiago e a Capela Compostelá. ‘Punto e seguido’ forma parte das actividades do programa Lugo Cultural 2012, no que participan a USC, a Xunta de Galicia e o Concello e a Deputación de Lugo. A entrada a todos os espectáculos é gratuíta ata completar a capacidade das salas ou espazos onde se representan.