Continúa este venres o ciclo de conferencias sobre psicoloxía e publicidade
O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (Cifex) continúa este venres, día 18, co ciclo de conferencias co que pretende chamar a atención sobre a relación existente entre a psicoloxía e a publicidade. Trátase de ofrecer ao alumnado da USC información sobre os procesos psicolóxicos básicos e psicosociais que interveñen na eficacia da publicidade.
A xornada, a desenvolver na Aula 9 da Facultade de Psicoloxía, comezará ás 9:30 horas coa conferencia-taller ‘Medios de comunicación, xénero e publicidade’ a cargo dos profesores Rita Radl e Jorge García.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, intervirá o catedrático da USC Elisardo Becoña cun relatorio sobre os aspectos psicolóxicos do alcohol, o tabaco e a publicidade, nunha sesión que rematará coa proxección da película ‘Grazas por fumar’.