Continúan os concertos do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira' coa actuación o luns de Manuel Díaz e Charo Pita
O ciclo de ‘Músicas a carón da Mosqueira’, do Convenio Lugo Cultural, continuará o luns 13 coa actuación de Manuel Díaz e Charo Pita, co concerto de ‘Miniaturas Medievais: Lais anónimos bretóns e de María de Francia. Arpa, canto e narración’, na Fundación Caixa Galicia a partir das 20:30 horas. Este ciclo consta de oito actuacións, das que xa se celebraron cinco e que achega a Lugo a música clásica coa participación de numerosos artistas.
Díaz e Pita, músico e actriz, respectivamente, ofrecerán na cidade unha mostra do seu espectáculo. A montaxe é unha conxunción das expresións que caracterizan aos Lais a través da narración dunha serie de miniaturas lendarias, baseadas nos contos de María de Francia e en Lais anónimos bretóns, acompañadas pola melodía dunha arpa medieval.
O próximo concerto dentro deste ciclo terá lugar en maio da man de Teresa Sierra e Raúl Prieto. As persoas interesadas en obter máis información sobre este ciclo e do resto da programación de Lugo Cultural poden facelo a través do seu web www.lugocultural.es.