Ir o contido principal

Un novo convenio marco impulsa lazos de cooperación entre USC e Sanidade en materia de saúde pública

Julio García Comesaña e Antonio López Díaz. FOTO: Santi Alvite
Julio García Comesaña e Antonio López Díaz. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e o conselleiro Julio García Comesaña estableceron as bases de colaboración entre as dúas institucións en todas aquelas actividades que promovan o desenvolvemento do coñecemento neste eido
Santiago de Compostela

Impulsar lazos de colaboración e cooperación co fin de sumar esforzos que permitan desenvolver actuacións no eido da docencia, o asesoramento, a investigación e a cooperación é a meta que perseguen USC e Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia a través do convenio marco asinado este luns 29. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, estableceron, a través deste acordo, as bases de colaboración entre as dúas institucións en todas aquelas actividades que promovan o desenvolvemento do coñecemento e as capacidades necesarias para o desempeño profesional en materia de saúde pública. No acto estivo presente a directora xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, Carmen Durán Parrondo.

A colaboración que se acorde desenvolver entre USC e Sanidade concretarase en proxectos individualizados, cuxas condicións e características recolleranse en cadanseu convenio específico. Para impulsar as actuacións que se recollan neste convenio marco, promoverase unha estreita colaboración con outras administracións públicas e con outras institucións e organismos.

Tarefas a desenvolver

As tarefas que se desenvolvan no marco deste convenio poderán ter, entre outras finalidades, o deseño e desenvolvemento de actividades formativas e/ou de investigación; de proxectos de consultaría; de divulgación e intercambio de coñecemento; de celebración de xornadas, conferencias e foros; de edición de publicacións; e de novas liñas de traballo en materia de saúde pública.

Coa fin de garantir o cumprimento do convenio marco ou dos convenios específicos que se subscriban, créase unha comisión de seguimento paritaria, integrada por tres representantes da Consellería de Sanidade, designadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública, e tres pola USC.

Cómpre remarcar que por Decreto 86/2022, do 19 de maio, creouse e estableceuse o marco normativo regulador das actividades da Escola Galega de Saúde Pública, adscrita á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Esta escola configúrase como un instrumento de participación, intercambio de coñecementos, experiencias e aprendizaxe no campo da saúde pública. Dentro das actividades da escola prevese a promoción de colaboracións coas universidades en relación coa formación e investigación en saúde pública.

No acto estivo presente a directora xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, Carmen Durán Parrondo. FOTO: Santi Alvite
No acto estivo presente a directora xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, Carmen Durán Parrondo. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2023.