Ir o contido principal

Convocada a primeira edición dos Proxectos de formación en Centros para a mellora da docencia universitaria

Os proxectos a seleccionar estarán contextualizados na situación particular de cada Centro. FOTO: Santi Alvite
Os proxectos a seleccionar estarán contextualizados na situación particular de cada Centro. FOTO: Santi Alvite
O prazo de presentación de solicitudes permanece aberto ata o 26 de outubro coa finalidade de impulsar iniciativas de formación organizadas polos Centros docentes da USC, atendendo ás singularidades e necesidades específicas das diferentes titulacións
Lugo, Santiago de Compostela

A USC convoca, a través do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA), a primeira edición dos Proxectos de formación en Centros para a mellora da docencia universitaria para o curso 2020-2021. Esta convocatoria ten como finalidade principal establecer un marco de formación que permita adquirir e mellorar as competencias docentes, investigadoras e de xestión necesarias para o exercicio profesional na universidade.

Poden optar a esta convocatoria os Centros docentes da USC mediante solicitude dirixida á Vicerreitora de Organización Académica, segundo o modelo que figura no Anexo I “Instancia de solicitude” dispoñible en https://www.usc.gal/ceta/formacion/formacion-en-centros A presentación da solicitude farase a través do Rexistro Electrónico da USC e o prazo de presentación estará aberto ata o día 26 de outubro de 2020.

Necesidades específicas das diferentes titulacións

O obxecto desta iniciativa é seleccionar os proxectos que se van a financiar para a realización de actividades de formación nos centros docentes, coa finalidade de impulsar e recoñecer iniciativas de formación organizadas polos mesmos, atendendo ás singularidades e necesidades específicas das diferentes titulacións das que son responsables.

Os proxectos a seleccionar estarán contextualizados na situación particular de cada Centro e encadrados na formación en metodoloxías de ensino-aprendizaxe; formación para o deseño de recursos e materiais didácticos en diferentes formatos; sistemas de avaliación; deseño da titorización; competencias informacionais; e competencias dixitais. O número máximo de horas de recoñecemento por curso será de 25 e o número mínimo de participantes nas actividades formativas será de 20.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2024.