Convocadas 20 bolsas para estudantes de último curso de Xornalismo ou recén licenciados
A Fundación Biodiversidad, en colaboración coa Fundación EFE, oferta un total 20 bolsas para a realización de prácticas de xornalismo ambiental durante o ano 2009, dirixidas a estudantes de último curso ou acabados de licenciar en Ciencias da Comunicación, coa especialidade en Xornalismo e con coñecemento demostrado de inglés.
O vindeiro 31 de decembro remata o prazo para solicitar unha destas bolsas que pretende fomentar a especialización dos xornalistas novos en información sobre o medio ambiente e que permitirá aos beneficiarios realizar prácticas nas diferentes delegacións que a Axencia EFE ten en distintos puntos da xeografía española. Así, a sede en Galicia acollerá a dous bolseiros mentres que se oferta unha praza para cada unha das demais delegacións.
Os candidatos deberán presentar unha carta de motivación explicando brevemente as iniciativas e consideracións persoais polas que desexa optar a unha destas bolsas, o seu currículo, unha fotocopia do expediente académico e do documento de identidade, e unha fotografía tamaño carné. A documentación deberá enviarse á Fundación EFE (c/ Espronceda, 32. 28003, Madrid) destacando a referencia Beca BIODIVERSIDAD-EFE.
A lista de preseleccionados farase pública o 12 de xaneiro de 2009, na páxina web da Fundación EFE e na da Fundación Biodiversidad, ao tempo que se anunciará aos solicitantes que deberán asistir a unha entrevista persoal con representantes de Apia e ambas as dúas fundacións.
Os bolseiros seleccionados asistirán a un seminario sobre Xornalismo medioambiental que se desenvolverá en Madrid entre o 19 e 22 de xaneiro de 2009. A data de comezo das prácticas formativas nas diferentes delegacións de EFE será o 26 de xaneiro.