Convocadas as axudas do Consello Social a actividades que fomenten a colaboración entre a USC e a sociedade

O Consello Social da USC acaba de publicar as bases das axudas a actividades susceptibles de ser financiadas por este órgano colexiado no ano 2023. Os proxectos participantes nesta convocatoria competitiva deberán cumprir cos obxectivos propios Consello, desenvolvendo actividades que impulsen a participación da sociedade galega na USC e favorezan a colaboración entre a contorna universitaria e a social a través de accións que contribúan á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria e ao desenvolvemento social, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia.
A dotación da convocatoria é de 50.000 euros que se repartirán entre proxectos presentados por persoal da USC (PAS ou PDI), con actividades que se inicien ou desenvolvan ao longo de 2023, con independencia de que se rematen neste ano ou en anos posteriores. As solicitudes poderán presentarse no rexistro electrónico da Universidade dirixidas ao Consello Social ata o día 13 de marzo.
O comité de selección está composto pola presidenta do Consello, Cecilia Sierra Rey, polos vogais Juan Manuel López Labrada, Manuel Lolo Aira, e Nuria Pereira Martínez, e por Marta Villamayor Álvarez, que actuará como secretaria con voz pero sen voto. A xuízo do comité, os proxectos poderán recibir financiación total ou parcial para o desenvolvemento das actividades, e é tamén posible que a axuda fique deserta se ningunha das solicitudes cumpre cos obxectivos da convocatoria. A relación de axudas concedidas será publicada no taboleiro electrónico da USC e na páxina web do Consello Social.
O Consello Social é o órgano de participación da sociedade galega na Universidade que ten como finalidade impulsar a colaboración entre da institución co tecido social. Asemade, correspóndelle a este órgano a supervisión das actividades de carácter económico da Universidade e do rendemento dos seus servizos, así como a promoción da colaboración da sociedade no financiamento da USC.