Ir o contido principal

Convocadas as eleccións de representantes do estudantado nas Xuntas de Centro

Os censos estarán a disposición para consulta ata o 31 de outubro. FOTO: Santi Alvite
Os censos estarán a disposición para consulta ata o 31 de outubro. FOTO: Santi Alvite
As reclamacións ante a Secretaría Xeral contra o censo provisional poden formalizarse ata o día 31 deste mes. As eleccións son o 14 de decembro
Lugo, Santiago de Compostela

A elección de representantes do estudantado de grao e mestrado nas Xuntas de Centro desenvolverase o vindeiro 14 de decembro, en horario de 9.00 a 19.00 horas, tal e como se acordou na xuntanza da Comisión Electoral Central (CEC) celebrada este martes 25 de outubro.

Serán electores e elixibles as persoas censadas no sector de estudantes de conformidade coa normativa electoral. Os censos estarán a disposición para consulta, ata o 31 de outubro, na Reitoría (dependencias da Secretaría Xeral), na Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo e nos lugares habilitados para o efecto nos centros. Tamén se poderá consultar a inclusión nos censos de xeito individualizado na aplicación electoral.  As reclamacións ante a Secretaría Xeral contra o censo provisional tamén poderán formalizarse ata o día 31 deste mes.

O 2 de novembro publicarase a resolución da Secretaría Xeral sobre rectificación do censo e os recursos ante a CEC poderán presentarse do 3 ao 7 de novembro. A publicación do censo definitivo terá lugar o día 8. Do 9 ao 18 de novembro, abrirase o prazo de presentación de candidaturas. A proclamación provisional de candidatos/as darase a coñecer o 21 de novembro e os recursos ante a CEC contra a devandita proclamación desenvolverase entre os días 22 e 24 do mesmo mes. O 25 de novembro producirase a proclamación definitiva e a campaña estenderase do 28 de novembro ao 12 de decembro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2022.