Ir o contido principal

Convócase a XIII edición dos Premios á calidade lingüística

Convócase a XIII edición dos Premios á calidade lingüística
Convócase a XIII edición dos Premios á calidade lingüística

A USC convoca unha nova edición dos ‘ Premios á calidade lingüística’, co obxectivo de fomentar o uso do galego entre o alumnado ligado ao espallamento da cultura da calidade na elaboración e defensa dos seus traballos. Prémianse os mellores traballos académicos, proxectos de fin de carreira (PFC) ou traballos de fin de grao (TFG) e traballos de fin de mestrado (TFM) redactados en galego neste curso académico 2016-2017.

Concederanse cinco premios á calidade, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades, o que fai un total de 15. Os mellores traballos académicos de curso serán premiados con 150 euros cada un, os TFG e PFC con 300 e os TFM con 400 . En todos os casos, os gañadores e gañadoras reciben ademais un diploma para o seu curriculum.

O prazo para presentarse aos XIII Premios á calidade lingüística remata o 31 de xullo para os traballos académicos de curso e o 29 de setembro no caso de TFG, PFC e TFM. Para optar aos premios só cómpre presentar unha copia do traballo, unha vez que estea aprobado, xunto cos datos que se solicitan, nos rexistros da USC.

Recursos de apoio
A presentación axeitada dun traballo ou documento dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega.

Ademais das bases e de información específica, no web do Servizo de Normalización Lingüística atópanse recursos de apoio para mellorar a calidade dos traballos académicos como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 160 000 entradas. Hai tamén modelos de TFG e TFM.

Os XIII Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC, e daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.03.2017.