Ir o contido principal

Nova convocatoria das bolsas de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) para o alumnado

Nova convocatoria das bolsas de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) para o alumnado
Nova convocatoria das bolsas de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) para o alumnado

Dende charlas sobre contaminación lumínica ou acústica ata proxeccións sobre cuestións medioambientais da nosa contorna máis próxima, pasando por roteiros naturais, mercadiños ecolóxicos ou obradoiros de reciclaxe. Todas estas actividades organizounas o curso pasado na USC o alumnado que gozou dunha das bolsas de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) que cada ano convoca a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC.

Con estas bolsas, que abriu unha nova convocatoria para o presente curso dende este venres e ata o 4 de outubro, trátase de complementar a bagaxe persoal e a formación do perfil profesional do alumnado. O obxecto é desenvolver actividades nos centros docentes e nos campus universitarios e á vez potenciar o Plan de Desenvolvemento Sostible (PDS) da USC. Así, entre outras moitas accións, estes bolseiros e bolseiras participaron na recollida dos datos para o cálculo da pegada ecolóxica da USC e encargáronse do seguemento e actualización dos Puntos Verdes das Facultades e dos mapas de contedores.

Nova convocatoria
Nesta décimo terceira edición concederanse 10 bolsas de colaboración e 4 de especialización. As primeiras, dirixidas a alumnado de grao e máster, inciden especialmente no desenvolvemento integral do estudantado. As persoas beneficiarias dedicaranse a organizar actividades nos campus segundo as necesidades, peculiaridades e demandas dos centros e en colaboración cos responsables do PDS en cada facultade e escola. Están pensadas para que dende todas as titulacións poidan achegarse ao valor e o significado da sostibilidade.

Pola súa banda, as bolsas de especialización están destinadas a alumnado de máster e doutoramento, desenvólvense na propia Oficina de Desenvolvemento Sostible e son unha oportunidade de especialización para desenvolver un perfil profesional vinculado ao medio ambiente e a sostibilidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2016.