Ir o contido principal

Cooperación e oferta docente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a debate no segundo foro UNISF

De esquerda a dereita, Filomena Soares, María José López Couso e Ángel Miramontes. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Filomena Soares, María José López Couso e Ángel Miramontes. FOTO: Santi Alvite
O evento serviu para dar a coñecer as catro titulacións de posgrao impulsadas no marco do proxecto ‘Universidade sen Fronteiras’ integrado por USC, UDC, UVigo, UMinho, a Universidade do Porto e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro
Santiago de Compostela

A segunda edición do Foro Anual ‘Universidade sen Fronteiras’ (UNISF) desenvolveuse este luns 6 no Centro de Estudos Avanzados da USC coa vontade de debater a importancia da cooperación transfronteiriza e interuniversitaria na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O evento que transcorreu en formato presencial e en liña, serviu tamén para presentar a oferta educativa xerada no marco do proxecto UNISF, que inclúe catro títulos oficiais de posgrao. Despois do foro, celebrouse unha xuntanza do comité de pilotaxe do proxecto coa participación dos vicerreitores do eido de titulacións e internacionalizacion das universidades participantes.

Esta é unha iniciativa da Fundación Centro de Estudos Euro-Rexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER) e xorde como froito da colaboración entre as seis universidades públicas da Eurorrexión: USC, UDC, UVigo, UMinho, a Universidade do Porto e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). Os reitores destas seis universidades conforman a xunta directiva da FCEER. María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC; Filomena Soares, vicereitora da UMinho en materia de Educación e Mobilidade Académica, así como coordinadora de UNISF; e  Ángel Miramontes, director da FCEER, participaron na sesión de apertura do foro.

O evento contou con diversos relatores agrupados nos eixos temáticos de cooperación transfronteiriza e interuniversitaria na eurorrexión, e oferta formativa da ‘Universidade sem fronteiras’. De feito, no marco de UNISF, acaban de crearse os mestrados en Desafíos das Cidades e Dereito Transnacional da Empresa e Tecnoloxías Dixitais; así como os programas de doutoramento en Matemática e Aplicacións, e en Ciencias Sociais e Envellecemento.

A educación universitaria do futuro ten como elementos cruciais a internacionalización e a multidisciplinariedade. Con este obxectivo e nun momento no que as institucións europeas están a fomentar a creación de alianzas universitarias, as universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal conciben este proxecto que ten como obxectivo eliminar as barreiras administrativas e burocráticas na creación de títulos conxuntos. “A unión de recursos e de forzas entre as universidades incluídas no proxecto permite a mobilidade dos docentes e dos alumnos/as, así como a creación dunha oferta educativa innovadora e de excelencia, capaz de posicionarse como un centro de atracción e de desenvolvemento a nivel estatal, ibérico e europeo”, explicaron dende UNISF.

O proxecto está co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

O evento contou con diversos relatores agrupados nos eixos temáticos de cooperación transfronteiriza e interuniversitaria na eurorrexión, e oferta formativa da ‘Universidade sem fronteiras’. FOTO: Santi Alvite
O evento contou con diversos relatores agrupados nos eixos temáticos de cooperación transfronteiriza e interuniversitaria na eurorrexión, e oferta formativa da ‘Universidade sem fronteiras’. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2022.