Ir o contido principal

A cooperación coa universidade mellora a competencia das empresas, di Fernández Alvariño no campus de Lugo

Bueno, Quintá, Barreiro e Fernández Alvariño, entre dúas investigadoras no edificio Cactus de Lugo
Bueno, Quintá, Barreiro e Fernández Alvariño, entre dúas investigadoras no edificio Cactus de Lugo
O presidente da CEG e Jesús Quintá, da CEL, coñecen as infraestruturas científicas do Cactus acompañados dos vicerreitores da USC Andrés Barreiro e Javier Bueno

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, subliña que a cooperación e o bo entendemento coas universidades redunda nunha mellora do nivel de competencia das empresas, en particular, e do tecido empresarial, nun contexto máis xeral.

Fernández Alvariño realizou estas declaracións no marco da visita institucional celebrada este xoves ao edificio Cactus do campus de Lugo, a sede universitaria da USC que acubilla algúns dos principais equipamentos científicos e de investigación dispoñibles no campus de Lugo. Acompañado do conselleiro delegado executivo da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jesús Quintá García, o presidente da CEG fixo un percorrido polas instalacións científicas radicadas no edificio Cactus do campus de Lugo, durante o que tivo a oportunidade de coñecer algunhas das liñas de investigación nas que están a traballar na actualidade os investigadores/as da USC, ademais de ter información do amplo abano de servizos que a USC e, nomeadamente, os grupos de investigación emprazados no campus de Lugo, poden prestar ás empresas. O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo da USC, Andrés Barreiro, e o vicerreitor de Coordinación da sede universitaria luguesa, Javier Bueno, acompañaron ao presidente da patronal galega na que foi a súa primeira visita institucional ao campus de Lugo e subliñaron tamén os múltiples beneficios mutuos que depara a cooperación entre universidades e empresarios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2014.