Ir o contido principal

A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible participa este xoves nunha mesa redonda sobre comercio xusto

A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación Estratéxica, participa este xoves nunha mesa redonda sobre o papel das institucións no comercio xusto.
O evento, no que participan representantes de Universidades, Xunta de Galicia e empresas, enmárcase nas xornadas ‘O bo café é bo para todo o mundo’ que a ONG para o ecodesenvolvemento Amarante Setem leva organizando dende o 23 de setembro na Galería Sargadelos.
Neste debate, que terá lugar ás 20:00 horas, participa a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Dora Blanco, que amosará a experiencia da USC na difusión e promoción do comercio xusto e o consumo responsable entre a comunidade universitaria. Das diferentes iniciativas impulsadas dende o Plan de Desenvolvemento Sostible, Blanco salientará a organización de conferencias sobre comercio xusto e unha exposición que visitou diferentes centros do campus de Santiago e de Lugo.
Ademais, nas máquinas de vending de diferentes localizacións da USC pódense adquirir produtos de comercio xusto (barriñas de snacks, refrescos e café), que poden ser consultadas a través da web do Plan de Desenvolvemento Sostible.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2008.