Ir o contido principal

Coordinada pola profesora Mabel Loza, a Rede Española de Excelencia no Descubrimento de Fármacos formalizou un acordo coa plataforma European Lead Factory

Mabel Loza, primeira pola dereita, na XI Conferencia Anual das Plataformas Tecnolóxicas de Investigación Biomédica do pasado mes de marzo
Mabel Loza, primeira pola dereita, na XI Conferencia Anual das Plataformas Tecnolóxicas de Investigación Biomédica do pasado mes de marzo

A Rede Española de Excelencia no Descubrimento de Fármacos ( REDEFAR) que coordina a profesora Mabel Loza dende a USC e a plataforma paneuropea European Lead Factory (ELF) acaban de formalizar un acordo de colaboración para proxectos conxuntos no ámbito do descubrimento de novos fármacos.

REDEFAR e European Lead Factory comparten interese común no descubrimento e desenvolvemento de compostos, principalmente pequenas moléculas que modulan especificamente a función biolóxica das proteínas diana. Así REDEFAR pode identificar usuarios e proxectos en España co potencial de ser transferidos ás actividades de descubrimento de fármacos a grande escala en European Lead Factory. Deste xeito, o desenvolvemento do ensaio e a experiencia temperá no descubrimento de fármacos coa que conta REDEFAR complementan a alta capacidade de detección de ELF.

REDEFAR
A Rede Temática Española de Descubrimento de Fármacos xurde en 2015 como unha estrutura que permita coordinar, cohesionar, fortalecer e visibilizar as actuais capacidades españolas. Establecéronse diferentes Nodos Temáticos coordinados polos grupos de investigación participantes que entre outras cuestións abordan cuestións relativas a HTS (cribado in vitro), bioinformática, química terapéutica ou modelos in vivo, entre outros.

ELF
European Lead Factory é unha plataforma paneuropea para o descubrimento de fármacos respaldada poa Innovative Medicines Initiative (IMI) que ofrece puntos de partida para o descubrimento de medicamentos a investigadores europeos dende 2013. Comprende unha colección de medio millón de compostos (derivados do seu propio esforzo de síntese e coleccións privadas de empresas) e un centro de selección.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.04.2018.