Ir o contido principal

O coordinador do máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio reúnese cos responsables de agricultura da UE

O tema central do encontro foi a xestión da propiedade e o uso da terra no marco do desenvolvemento rural e as esixencias da futura Política Agrícola Común

O coordinador do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio que se imparte na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, Rafael Crecente, mantivo recentemente unha xuntanza de traballo na sede da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea en Bruxelas (Bélxica) con responsables da Dirección Xeral de Agricultura da Unión Europea. Esta xuntanza foi a primeira dunha serie de actividades conxuntas xa programadas. Por parte da institución comunitaria participaron o seu director xeral, o galego José Manuel Silva Rodríguez (tamén profesor no máster da EPS); Paolo Poinelli, asistente do director xeral; Pierre Bascou, xefe da Unidade de Análise da Política Agrícola e Perspectiva; e Efthimios Bokias, xefe de unidade adxunto para España e Portugal. A reunión contou tamén coa participación de Frank van Holst, responsable de cooperación internacional para a rexión noroeste do Servizo de Xestión da Auga e o Territorio do goberno holandés. O principal obxectivo do encontro foi o de abordar as cuestións de propiedade e uso da terra no marco da Política Agrícola Común (PAC) e o desenvolvemento rural. Analizáronse as relacións e a influencia mutua existentes entre as politicas agrarias clásicas da UE e a situación e dinámicas das estruturas parcelarias. A finalidade última é atopar sinerxías entre as accións a nivel europeo e as estratexias e instrumentos nos niveis local e rexional, coa visión integradora que caracteriza o máster, foro no que Silva abordou estes aspectos durante o curso académico 2011-2012. Un dos retos de moitas rexións europeas segue a ser o de atopar as vías axeitadas para a adaptación das estruturas de propiedade e uso da terra aos desafíos socioeconómicos e ambientais que se derivan da futura PAC e da Estratexia Europa 2020. Esta adaptación precisará, en palabras do propio director xeral, de “sinerxías entre as políticas europeas e as nacionais/rexionais que coordinen e fortalezan ambos os enfoques”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2012.