A Corporación Investigación Agraria de Colombia estuda desenvolver proxectos coa Aula de Produtos Lácteos da USC

A Corporación Investigación Agraria de Colombia, un organismo público dependente do Ministerio de Agricultura do país suramérico, estuda posibles vías de colaboración coa Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela para avanzar na implantación de procesos de control de calidade nas industrias leiteiras colombianas, así como no desenvolvemento de novos produtos.
O interese da Corporación Investigación Agraria de Colombia en establecer novas vías de colaboración coa USC púxose de manifesto este venres no transcurso da recepción institucional que o reitor Juan Casares ofreceu á delegación de representantes do ente colombiano que xa mantén un contrato coa Aula de Produtos Lácteos (APL) da USC. O director da APL e profesor na Escola Politécnica Superior de Lugo, Juan Méndez Dónega, que vén de completar unha estadía de varias semanas en Colombia no marco do primeiro contrato suscrito entre a Corporación Investigación Agraira e a APL, acompañou este xove á expedición de Colombia na súa visita a San Xerome. A recepción institucional ofrecida ofrecida en San Xerome, á que asistiron o secretario técnico do Consello Nacional Lácteo de Colombia, Pedro Valderrama; o director de Cadenas Pecuarias, Pesqueiras e Acuícolas do Ministerio de Agricultura e Desenvolvemento Rural de Colombia, Germán Rodríguez; Yesid Jiménez, asesor do ministro para Gandería; Mayra Alejandra Aranguren, contratista do ministerio; María Angélica Pichimata, do centro de investigación Tibaitatá, e o coordinador da Unidade de Seguimento de Prezos do Ministerio de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Henry Torres Valenzuela, permitiu que os propios compoñentes da delegación colombiana e que o director da Aula de Produtos Lácteos analizaran conxuntamente co reitor da USC as posibilidades de colaboración entre o ministerio colombiano e a institución académica compostelá. A xuntanza mantida este xoves pola comitiva da Corporación Investigación Agraria de Colombia co reitor da USC enmárcase dentro da rolda de visitas institucionais feitas por este delegación durante a súa primeira visita a Galicia. Así, nesta viaxe, os representantes do ente público colombiano puideron coñecer tamén diversas industrias leiteiras de Galicia, como é o caso de Feiraco ou Capsa, ademais de manter un encontro coa Directora Xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia, Patricia Ulloa, entre outros.