Ir o contido principal

‘Corpos presentes’, unha viaxe ao proceso creativo e á traxectoria vital dos e das artistas

Corpos Presentes
A mostra 'Corpos Presentes' desenvolveuse na Igrexa da Universidade. Imaxe de arquivo da exposición. FOTO: Santi Alvite
O Paraninfo da USC acolle a presentación da publicación e do documental que xorden como froito da mostra que reuniu en Santiago unha selección dalgunhas das obras máis importantes da Colección de Arte Fundación María José Jove
Santiago de Compostela

Días de convivencia con seis artistas nos seus estudios e na súa contorna habitual, así como nos seus diferentes países de residencia e despois de salvar os inconvenientes e restricións propias da pandemia para viaxar e traballar con seguridade. Este é o fío condutor de Corpos presentes, publicación e documental que ve a luz este martes no Paraninfo da USC, a partir das 19.30 horas, e que serve de colofón á mostra que reuniu en Santiago unha selección dalgunhas das obras máis importantes da Colección de Arte Fundación María José Jove con motivo do Xacobeo 2021-22.

Ao acto de presentación está previsto que asista Mar Lorenzo, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC; Anxo Manuel Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Juan Manuel Monterroso, catedrático e director do departamento de Historia da arte da USC e Susana González, directora da Colección de Arte Fundación María José Jove e comisaria do proxecto.

O documental nútrese de conversas que esbozan os camiños percorridos polos artistas en relación coa súa práctica artística e as súas traxectorias vitais, sempre intricadas as unhas coas outras. En Estoril, visitouse ao recentemente falecido Julião  Sarmento, supoñendo as súas declaracións as últimas rexistradas; en París, a Esther Ferrer; en Londres, a  Antony  Gormley e a Ángela de La Cruz;  en Madrid, a Luis  Gordillo e en Galicia, a Manuel Vilariño. Nas conversas, que se dan nos seus espazos máis íntimos, revísanse tamén aspectos vinculados á noción de corpo e a interpelación que se produce entre o corporal e o sensible. O documental contou coa axuda da Xunta de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo.

A publicación

Pola súa banda, a publicación mostra unha selección de obras pertencentes á Colección de Arte Fundación María José Jove que desenvolven unha narrativa en torno ao corpo, dende a transversalidade das súas interpretacións, nun marco cronolóxico que abarca máis dun século. A selección ofrece tres formas de achegarnos ao corpo —a través da súa representación, como obxecto e suxeito— e dende outras proposicións metafísicas de tipo  introspectivo, místico ou espiritual que  filtran a forma de abordar o proceso creativo.

A publicación aglutina texto de Susana González, directora da Colección de Arte Fundación María José Jove e comisaria do proxecto; textos críticos Siento luego existo. Breves reflexiones sobre la relación entre cuerpo y arte, de Manuel Monterroso, director do departamento de Historia da arte da USC; e Apuntes para una fenomenología del peregrinaje de Félix Duque, filósofo e catedrático de Filosofía na Universidade Autónoma de Madrid.

Así mesmo, Corpos Presentes analiza, ademais dos e das artistas visitadas no documental, obras de Mariano Fortuny, Eduardo Chillida, Salvador Dalí, Anselm Kiefer, Georg Baselitz, Louise Bourgeois, Tápies, Antonio Saura, Juan Muñoz, Helena Almeida,, Elmgreen and Dragset, Jorge Barbi, Manuel Vilariño, June Crespo ou Antoni Tàpies.

Tanto na publicación como no documental convídase a facer unha  analoxía entre o camiñar e o tránsito vital no proceso creativo. Dende esta perspectiva, poderíase afirmar que os artistas participan do ritual do camiño dende outros parámetros; con todo, en ambos permanece o carácter sacro da acción e, en moitos casos, o arraigamento a intereses existenciais concretos. Para Susana González, “a peregrinación é un fenómeno unido á condición itinerante do home que comparten outros desprazamentos de diferente índole. Como a creación, supón un espazo para a experiencia, e ambas implican proxectos de desenvolvemento, de  autocoñecemento e de renovación persoal”, explica a comisaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2021.