Ir o contido principal

O coruñés Román Montesinos visita as 50 ‘Metáforas visuais’ que amosa en Veterinaria ata o 30 de xuño

García Herradón e Montesinos, no centro, con amigos e fotógrafos lugueses de visita na mostra en Veterinaria
García Herradón e Montesinos, no centro, con amigos e fotógrafos lugueses de visita na mostra en Veterinaria
García Herradón e fotógrafos e amigos lugueses acompañaron a Montesinos no percorrido por unha mostra que “reflexa ideas puras”

O artista coruñés Román Montesinos visitou este mércores a exposición ‘Metáforas visuais’, unha mostra que inclúe medio centenar de traballos fotográficos que “reflexan e tratan de transmitir ideas puras”, segundo o seu autor, e que permanecerá exposta na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo ata o vindeiro 30 de xuño.

“Esta mostra é o resultado dun traballo que me fai gozar”, comenta Montesinos, ao tempo que indica que un dos obxectivos das súas creacións artísticas pasa por chamar a atención do espectador con imaxes e composicións cheas de contrastes e non exentas de crítica, pero directamente ligadas coas distintas actividades da vida cotiá. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, acompañou a Román Montesinos na visita á exposición no transcurso dun acto no que tamén estiveron presentes outros fotógrafos e amigos lugueses do autor da mostra, entre os que estaban Carlos Valcárcel, Benjamín Santín, Fernando Gago e Carlos Herrero. A obra fotográfica de Román Montesinos, xeólogo especializado en Paleontoloxía e na actualidade profesor da Universidade da Coruña, sempre estivo ligada coa visión metafórica da realidade. De feito, nas súas fotografías, este coruñés nado nunha tarde brumosa de finais de agosto de 1952, como acostuma dicir o propio Montesinos, evoca distintos tipos de sentimentos, conxugando o material co anímico, en moitas ocasións con varios planos inmersos. Román Montesinos, cuxa obra na liña da poesía visual é obxecto de comparación coas creacións do xenial Chema Madoz, é autor de máis de vinte exposicións individuais en distintas salas. Asemade, este artista, que tamén participa no proxecto ‘Andante’, promovido polo arquitecto de Allariz, Ramón Álvarez, conta cunha das súas obras na exposición permanente no Museo do Humor de Fene.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2013.