O Courel e o laicismo, temáticas dos cursos de verán da USC que comezan a vindeira semana

A programación da Universidade de Verán da USC continúa a vindeira semana con dous novos cursos. O luns 27 dará comezo na Estación Científica do Courel o titulado ‘ O medio courelao: fontes, recursos e experiencias orientadas á súa divulgación’, mentres que o mércores 29 na Facultade compostelá de Filosofía se inaugurará outro que convida a reflexionar sobre laicismo e democracia O medio courelao No curso dirixido polo profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Manuel Antonio Rodríguez Guitián preténdese ofrecer a información máis actualizada posible sobre os valores naturais e culturais máis relevantes do Courel. A paleontóloga Aurora Grandal d’Anglade abrirá as sesións o luns, ás 10.00 horas, co relatorio ‘Os xacementos paleontolóxicos: un novo valor das montañas do Courel’. A divulgación de ferramentas e técnicas dispoñibles acaídas para potenciar o coñecemento e aproveitamento dos recursos que ofrece a comarca courelá por parte da sociedade en xeral, e tamén en aras a un maior desenvolvemento socio económico deste territorio de montaña son outros dos cometidos deste seminario estival da USC no que formalizaron a súa matrícula 20 persoas. Pensamento laico O curso ‘ Pensamento laico: laicismo e democracia’ que dirixen Rafael Martínez Castro e César Tejedor de la Iglesia falará do laicismo como imprescindible factor de moralización democrática e superación da crise. Colabora na organización a asociación Europa Laica.
O seminario, que se desenvolverá ata o venres 31, iniciarao o mércores ás 10.00 horas o responsable da área de formación de Europa Laica, César Tejedor de la Iglesia, co relatorio ‘Que é o laicismo? Laicismo e democracia’. Continuarán as xornadas con charlas que se cuestionarán se España é realmente un país laico, a relación entre relixión e democracia ou ciencia e a inxerencia da relixión na educación, entre outros temas.