Ir o contido principal

A creación de empresas, a análise en Lugo

A rede Mercurio, da que a USC forma parte a través de Uniemprende, oferta un amplo programa de actividades dentro da Semana do Emprendemento

Os aspectos xurídicos a ter en conta á hora de crear unha empresa de base tecnolóxica será o eixo central da conferencia que o secretario xeral adxunto da USC, Carlos Gómez Otero, impartirá este martes 15 ás 12:00 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo. O relatorio está aberto a todas aquelas persoas que desexen asistir, principalmente empresarios, emprendedores e investigadores. Este relatorio enmárcase dentro do programa de actividades organizadas pola Rede Mercurio, da que a USC forma parte a través de Uniemprende-Lugo, co gallo da celebración da Semana do Emprendemento que se desenvolverá na capital luguesa ata o vindeiro venres día 18.

Creada no ano 2009, a Rede Mercurio agrupa a catorce institucións que destacan polo seu traballo a prol do emprendemento e da consolidación do tecido empresarial lugués, xa que se dedican a captar, promover e apoiar a creación de novas iniciativas empresariais baseadas na tecnoloxía, o coñecemento e a innovación. É o caso da USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), o Centro Tecnolóxico Agroalimentario (CETAL) ou a Cámara de Comercio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2010.