O creador dun novo sistema de integración humana en contornas virtuais presenta a súa tecnoloxía no CiTIUS
O investigador e profesor na Universidade de Bristol David Glowacki impartirá no CiTIUS unha conferencia sobre o novidoso sistema audiovisual interactivo que acaba de presentar publicamente no Barbican Arts Centre de Londres no marco das Olimpíadas Culturais 2012. Esta é unha actividade incluída no programa de seminarios internacionais de Campus Vida ‘Frontiers in Science’. Malia a súa xuventude, David Glowacki ten publicado numerosos artigos en revistas científicas de prestixio coma Science e traballado no laboratorio multidisciplinar Pervasive Media Studio. ‘ danceroom Spectroscopy (dS)’ (Sala de Baile Espectroscópica) é unha nova ferramenta orientada ao mundo da danza, construída a partir de algoritmos utilizados habitualmente para simular a dinámica cuántica molecular. A partir dunha matriz de ata sete sensores de profundidade simultáneos, o sistema rastrexa o corpo humano e traduce a información de maneira literal, converténdoo nun “campo de enerxía”. O resultado desta transformación é a creación dun sistema interactivo onde o movemento de cada individuo é tratado coma unha serie de alteracións producidas sobre un campo de enerxía virtual. Graficamente, os usuarios perciben esta interacción a través das proxeccións do seu propio corpo -ou campo de enerxía- sobre unha pantalla, incrustado nunha simulación de miles de partículas interactivas que reaccionan perante o movemento. Os datos envíanse asemade a unha etapa de xeración musical electrónica, que permite escoitar o efecto sónico producido con cada perturbación provocada sobre o campo enerxético. ' danceroom Spectroscopy (dS)' materializa unha das vellas aspiracións da comunidade científica, por canto presenta unha nova forma de aproximarse á visualización do mundo microscópico, invisible aos ollos humanos. A principal novidade deste sistema é que sitúa o individuo dentro da imaxe: as persoas poden introducirse no “nano-mundo” que as rodea e interactuar con el.