Ir o contido principal

Créase na Universidade de Santiago a Cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social

Deputados europeos participan este venres no CEA nas xornadas 'A responsabilidade social das empresas. Unha aposta polo progreso da UE'

Fomentar a docencia, a investigación e a difusión do coñecemento no ámbito do emprendemento social é a principal finalidade da Cátedra Jaime Vera que este venres 25 se constituirá na USC nun acto a celebrar na Casa de Europa (Parque Vista Alegre). O convenio que regula a creación da Cátedra asinarase nese espazo compostelán o venres ás 10:00 horas coa presenza do reitor Senén Barro e o director da Fundación Jaime Vera, Francesc Romeu í Martí. Ao acto asisten ademais o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, e a profesora da USC e directora da Cátedra, Elena Vázquez Cendón, quen explicará as características e accións concretas.
As actividades da Cátedra dirixiranse a facilitar o intercambio de experiencias investigadoras entre a Fundación e a Universidade compostelá; colaborar en actividades docentes e alentar a realización de investigacións relacionadas co emprendemento social; e fomentar a cooperación entre a USC, a Comunidade Autónoma Galega, as distintas Administracións Publicas de España, a Unión Europea e o ámbito empresarial.
Xornadas responsabilidade socialLogo da sinatura do convenio os participantes trasladaranse ao Centro de Estudos Avanzados, emprazado no mesmo Parque de Vista Alegre, para inaugurar as xornadas 'A responsabilidade social das empresas. Unha aposta polo progreso da Unión Europea', que organiza o Grupo Socialista no Parlamento Europeo. Co encontro preténdese apoiar as iniciativas da Unión Europea e proporcionar aos universitarios a sensibilización á RSE e o intercambio de boas prácticas.
No acto de apertura das xornadas, que terá lugar ás 10:30 horas, participarán o reitor Senén Barro; o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández; o director da Fundación Jaime Vera, Francesc Romeu í Martí; e o deputado ao Parlamento Europeo e secretario xeral adxunto da Delegación Socialista Española, Antolín Sánchez Presedo.
A continuación terá lugar a primeira mesa redonda sobre a responsabilidade social das empresas que moderará o deputado Alejandro Cercas Alonso e na que participarán a secretaria xeral da Fundación Internacional para Iberoamérica da Administración e Políticas Públicas (FIIAPP), Marisa Álvarez, e a responsable do Programa de Sector privado na área de Campañas e Estudos de Intermón Oxfan, Isabel Tamarit.
O seguinte debate, sobre o papel das Universidades e a Responsabilidade Social Corporativa, estará moderado pola deputada Francisca Pleguezuelos e contará coas intervencións da vicerreitora de Calidade e Planificación da USC, María Dolores Álvarez, e a coordinadora do Plano de Desenvolvemento Sostible da USC e membro do comité executivo do grupo de traballo da CRUE de Calidade Ambiental e Desenvolvemento Sostible, Dora Blanco.
Antolín Sánchez Presedo será o encargado, ás 13:30 horas, de expoñer as conclusións. Tras a súa intervención desenvolverase o acto de clausura no que intervirán o conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, Ricardo Varela; a deputada do Parlamento Europeo e vicepresidenta da Comisión de Pesca, Rosa Miguélez Ramos; e a directora da Cátedra Jaime Vera en Emprendemento Social da USC, Elena Vázquez Cendón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2008.