Ir o contido principal

Unha cuarta parte da docencia na USC impártese en galego

Ciencias da Comunicación é o departamento máis galegófono da USC cun 96,14% de horas docentes en galego. FOTO: Santi Alvite
Ciencias da Comunicación é o departamento máis galegófono da USC cun 96,14% de horas docentes en galego. FOTO: Santi Alvite
O documento titulado ‘Usos lingüísticos docentes no curso 2021-2022’, elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística, recolle que o 33,75% das horas docentes das titulacións de máster son impartidas en lingua galega, así como o 23,40% no caso das titulacións de grao
Lugo, Santiago de Compostela

O 33,75% das horas docentes nos mestrados da USC son impartidas en galego. Así o constata o documento titulado ‘Usos lingüísticos docentes no curso 2021-2022’ de cuxa elaboración é responsable o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade e que analizou os datos do Plan de Organizacion Docente (POD) para o curso 2021-2022. En concreto, tivéronse en consideración un total de 435.911 horas, das cales, 396.900 pertencen a graos, 180 a titulacións de 1º-2º ciclo, e 38.831 a mestrados. No caso dos graos, as horas docentes en galego abranguen o 23,40%. De xeito global, o documento evidencia que case unha de cada catro horas de clases do presente ano académico na USC é impartida en galego.

A diferenza entre grao e mestrado non é a única distinción salientable xa que “o uso das linguas tamén é moi distinto segundo as titulacións”, apuntan dende Normalización Lingüística”. Así, estas cifras “non se corresponden necesariamente coa realidade que vive o alumnado: trátase de medias, polo cal a existencia de varios grupos de docencia e de materias optativas redefine as linguas en que o alumnado recibe as clases”, matizan. 

Graos

As 62 titulacións de grao da USC presentan un amplo abano de usos lingüísticos, destacando o dobre grao de Mestre/a de Educación Infantil e Primaria do Campus de Santiago co 100% de horas impartidas en galego. En titulacións como a de Medicina o Servizo de Normalización Lingüística traballa no desenvolvemento de accións que permitan incrementar a presenza do galego. Este é o caso de ‘A boa medicina’, unha campaña de dinamización da Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC destinada a limar os prexuízos lingüísticos do alumnado, especialmente o de primeiro curso e o que chega dende fóra de Galicia.  

O informe tamén constata que se emprega o inglés en dezaoito graos da USC. Só un deles, o de Química, ofrece a posibilidade de cursalo por completo nese idioma seguindo un itinerario lingüístico. Os restantes idiomas (alemán, catalán, francés, italiano e portugués) líganse a titulacións de linguas ou de formación do profesorado.

Mestrados

No capítulo de mestrados, as 73 titulacións que oferta a USC contan cun 4,77% de horas noutros idiomas (4% en inglés). Hai tres mestrados que utilizan o inglés no 100% da súa docencia: Química na Fronteira coa Bioloxía, Química Teórica e Modelización Computacional, e Visión por Computador. Tamén se imparte en inglés docencia noutros trece másters de áreas variadas. Alemán e francés son as outras linguas estranxeiras que tamén se utilizan, sempre ligadas a titulacións de mestrados lingüístico-literarios e de formación do profesorado.

Profesorado

Tamén son moi diversos os usos lingüísticos segundo as categorías de profesorado. Entre as cinco categorías máis numerosas e que, en conxunto, soportan maior carga docente (titulares, catedráticos/as, contratados/as doutores/as, asociados/as de Ciencias da Saúde e asociados/as), destaca o uso do galego no caso do persoal contratado doutor ao achegarse ao 40%. “Dato interesante é o do persoal axudante doutor, o primeiro chanzo importante da carreira docente, que neste curso utiliza o galego no 43,9% da súa docencia”, destaca o estudo. Ciencias da Comunicación é o departamento máis galegófono da USC cun 96,14% de horas docentes en galego.

Evolución

Dende o curso 2003-2004, ano académico no que se comezaron a recoller estes datos, a evolución reflicte un modelo bilingüe con predominio do castelán, apuntan dende Normalización Lingüística. Ademais, impártese menos dun 5% noutros idiomas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2022.