Ir o contido principal

A cuarta edición dos ‘Sons Creativos’ de Lugo afonda nos vínculos entre música e natureza

Durante a xornada inaugural do día 11, que se pecha cun concerto colectivo aberto ao público, preséntase un DVD coas obras estreadas nas tres edicións anteriores

O Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago (GCSUS), dirixido por Inmaculada Cárdenas, organiza en Lugo por cuarto ano o encontro ‘Sons Creativos’, que se celebra os días 11 e 12 de maio na Casa do Saber. Nesta cuarta edición o certame estará dedicado ao compositor José Luis Carles Arribas, recoñecido investigador en temas de percepción sonora, análise cualitativa do medio ambiente sonoro e interacción entre estímulos visuais e auditivos. Relatorios, mesas redondas, concertos, obradoiros, instalacións sonoras e performances configuran un amplo programa integrado baixo o título común ‘Música e natureza’, temática que servirá como fío condutor de todas as actividades, desenvolvidas polos participantes no encontro: músicos, artistas plásticos, arquitectos, historiadores e profesores procedentes das universidades de Valencia, Autónoma de Madrid, Castilla-La Mancha e Valladolid, ademais da propia USC. No acto inaugural do venres 11 (11.00 horas) participan o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o coordinador da Área Cultural da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; e a directora do GCSUS e do programa ‘Sons Creativos’, Inmaculada Cárdenas. Durante a inauguración procederase tamén á presentación do DVD Música, espazos e cidade, no que se recollen as obras creadas e estreadas nas tres edicións anteriores do encontro, que se enmarca dentro da oferta do programa Lugo Cultural 2012 organizado conxuntamente pola USC, a Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. Programa do venres 11 A xornada ábrese ás 9.30 horas coa mesa redonda ‘Música e natureza: ecoloxía’, a cargo do homenaxeado nesta edición, José Luis Carles Arribas, ademais da arquitecta Cristina Palmese e de Juan Gil López e Carlos Suárez, estes dous últimos do espazo interactivo escoitar.org. Ás 12.00 horas celébrase unha segunda mesa redonda, baixo o título ‘Música, natureza: pedagoxía’, na que intervirán Adolfo Murillo Ribes, Elena Hidalgo e Mónica Álvarez, profesores e compositores procedentes das diferentes etapas educativas: escola, ensino medio e universidade. Na sesión de tarde haberá unha nova mesa redonda (16.30 horas), denominada ‘Música e natureza: tecnoloxía e medios de comunicación’, na que participan Miguel Molina, Rocío Garriga Inarejos, Juan Antonio Lleó, Jesús Otero-Iglesias e Arturo Vaquero, os dous últimos membros do GCSUS. A xornada do venres péchase ás 20.00 horas cun concerto colectivo e aberto ao público a cargo dos participantes nas mesas redondas (acompañados de estudantes das súas universidades de procedencia) e de membros do GCSUS. O sábado continúan as actividades na segunda e última sesión do encontro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2012.