Ir o contido principal

O cuarteto aCadaCanto abre este xoves en Lugo o ciclo Lubicán 2014 coa presentación do seu último traballo ‘A rosa d’Adina’

Guillerme Fernández, Xosé Lois Romero, Guadi Galego e Xabier Díaz, compoñentes de aCadaCanto
Guillerme Fernández, Xosé Lois Romero, Guadi Galego e Xabier Díaz, compoñentes de aCadaCanto
O concerto, promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, comezará ás 20.30 horas no auditorio da Casa do Saber. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo

O cuarteto aCadaCanto, un proxecto artístico que reúne catro grandes da música galega, como o son Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, abrirá este xoves, día 20 de febreiro, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o ciclo Lubicán 2014, un programa promovido e financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan o Concello e a Deputación de Lugo xunto coa Universidade de Santiago.

O concerto de apertura desta nova edición do Lubicán, un programa que busca achegar ao público lugués a música de grupos galegos de diferentes estilos e formacións á vez que pretende servir de escaparate para a promoción de novos grupos da provincia de Lugo, servirá para que os músicos de aCadaCanto presenten en Lugo o seu último traballo ‘a rosa d’Adina’, unha pequena homenaxe a Rosalía de Castro na que combinan algúns dos seus poemas musicados con outras composicións do seu anterior traballo en común. En ‘A rosa d'Adina’, a formación aCadaCanto achega ao público seis poemas musicados de Rosalía dunha gran profundidade emotiva, un trazo desta lírica popular aínda amplificado polo tratamento intimista que lle confiren as voces de Guadi Galego e Xabier Díaz, xunto coa guitarra de Guillerme Fernández e o acordeón de Xosé Lois Romero, todos eles músicos que contan xa cunha longa e acreditada traxectoria musical. Con ‘A rosa d’Adina’, un traballo xurdido da oportunidade de render unha particular homenaxe a Rosalía de Castro co gallo da celebración do 150 aniversario da publicación de ‘Cantares Gallegos’, aCadaCanto busca perpetuar a palabra de Rosalía, na que precisamente reside a lírica popular galega, na memoria colectiva a través dunha viaxe sonora que permite regresar á segunda metade do século XIX.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2014.