Ir o contido principal

Os cultivos en calella gañan crédito nos ecoesquemas da PAC

Cultivos en calella
Cultivos en calella
Investigadores do grupo de Sistemas Silvopastorais da EPS de Enxeñaría da USC colaboran con Medio Rural e co Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación no deseño dunha nova PAC que pon en valor o pastoreo e os sistema agroforestais
Lugo

Os cultivos en calella, aqueles que mesturan de xeito harmónico sobre unha mesma superficie plantacións de cereais, hortícolas ou mesmo praderías con ringleiras de árbores, dispostos cunha distancia entre si de entre 20 ou 30 metros, son unha das alternativas de manexo da terra que máis visos ten de prosperar no deseño dos ecoesquemas polo que se rexerá a nova Política Agraria Común (PAC), cuxo desenvolvemento aínda se atopa en fase embrionaria, segundo comentou o coordinador do grupo de investigación en Sistemas Silvopastorias da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, Antonio Rigueiro.

O tamén catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, que forma parte do equipo da USC que traballa xunto coa Consellería do Medio Rural na achega de propostas para a nova política agraria europea, salientou que todo apunta que os sistemas agroforestais recuperarán importancia no escenario que debuxará a próxima PAC.

As devesas son os sistemas agroforestais máis habituais na península ibérica, aínda que non en Galicia, precisa Rigueiro, quen, sen embargo, sinala os soutos de castiñeiros como exemplo tradicional de modelo agroforestal en Galicia. Agora xa quedan menos soutos, pero durante anos, a produción destes bosques de castiñeiros foi moi diversa, pois ademais de castañas e da madeira das árbores, estes terreos tamén producían fungos, cogomelos e, en ocasións, ata se cultiva cereais ou mesmo había áreas de pradería, explica.

As prácticas do cultivo en calella, que xa son moi habituais noutras rexións europeas, tales como Francia ou Alemaña, reportan uns beneficios semellantes. De feito, engade Rigueiro, a presenza de árbores en superficies de cultivo ten efectos positivos, xa que contribúen ao equilibrio e control de insectos, ao tempo que diversifican as producións, aumentan a biodiversidade e incluso poden ser positivos para as colleitas e incluso para os animais en pastoreo pola sombra ou abrigo que producen.

Biodiversidade e cambio climático

A conservación da biodiversidade e a loita e mitigación dos efectos derivados do cambio climático son dous dos piares sobre os que se asentan as futuras políticas agrarias no contexto europeo, un escenario no que a actividade gandeira e a súa xestión acada unha relevancia semellante á do sector agroforestal. A gandería extensiva e o pastoreo constitúen neste senso dous eixes arredor dos que xirarán proximamente boa parte das axudas contempladas pola PAC e sobre os que vén de presentarse un documento de debate, en cuxa elaboración participaron preto de medio centenar de expertos de diversas entidades relacionadas co sector e entre os que se atopa a tamén catedrática da USC e investigadora do grupo de Sistemas Silvopastorais da USC, Rosa Mosquera.

Mosquera, que participou este mes nun foro con responsables ministeriais nos que se trataron estas temáticas, subliñou que o pastoreo en extensivo será unha práctica de manexo clave para o acceso de axudas á PAC. Esta experta en sistemas silvopastorais salientou asemade o importante camiño xa andado pola Administración para comprobar o uso e manexo real que se fai da superficie agraria e forestal en España. Neste senso, comento que “na era da globalización e da dixitalización, a tecnoloxía dispoñible permite comprobar que tipo de manexo e de aproveitamento se fai do territorio”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2020.