Cultura mantén aberto en Lugo o prazo de inscrición para os cursos de danza, teatro e música que darán comezo en novembro
Vicerreitoría de Cultura no Campus de Lugo mantén aberto até o mércores, día 31 de outubro, o prazo de inscrición para os cursos incluídos dentro do programa cultural Espazo.
Así, nesta data pecha o tempo para a inscrición no curso ‘Espazo de danza galega’, que se impartirá todos os martes e xoves lectivos até o mes de abril, entre as 18:00 e as 20:00 horas. Tamén continúa aberto o prazo de matrícula para ‘Espazo de danza contemporánea’, tamén os martes e xoves até abril, pero nos horarios de 14:30 a 16:30 horas ou de 20:00 a 22:00 horas. As clases estarán a cargo de Juan Carlos Zahera na Aula de Teatro e Danza, situada no aulario da Facultade de Veterinaria.
No apartado de teatro, aínda quedan prazas no taller de arte dramática 1, ‘O actor en escena’, que dará comezo o día 5 de novembro e se prolongará até o 19 de decembro a cargo de Tito Asorey, en horario de 20:00 a 23:00 horas. A continuación deste curso, co título ‘Interpretación e dirección de escena’, terá lugar no mes de xaneiro a cargo de Roberto Salgueiro, en horario de 19:00 a 22:00 horas.
O día 6 de novembro comeza tamén o curso ‘Comedia da arte’, que se desenvolverá até o 13 de decembro, de 11:00 a 14:00 horas e para o que aínda quedan prazas libres. Estará a cargo de Fabiana Gastaldello. Estas accións formativas terán lugar na Aula de Danza e Teatro da Facultade de Veterinaria.
Por outra banda, a Compañía de Teatro da USC de Lugo convocará proximamente probas para seleccionar o elenco da vindeira produción. Poderán presentarse todas as persoas interesadas na comunidade universitaria e a convocatoria farase pública coa debida antecedencia.
MúsicaA Vicerreitoría de Cultura no Campus de Lugo mantén aberto tamén o prazo de inscrición para o curso ‘Grupo de Creación Musical’ na sección vocal. Coa duración dun curso académico, dará comezo o día 8 de novembro e será todos os xoves, de 19:30 a 21:30 horas. Estará a cargo de Mónica Álvarez.
No mes de xaneiro celebrarase un monográfico co título ‘Músicas para a escola: músicas contemporáneas e pedagoxía de creación musical’, orientado principalmente a mestres en activo, profesores de música en xeral e estudantes universitarios. A matrícula xa está aberta e hai cen prazas.
A inscrición para todos estes cursos pode realizarse na oficina da Vicerreitoría de Cultura no Campus de Lugo, situada no segundo andar do número 3 da praza de Pío XII, ou no teléfono 982 285 900 (ext. 21513).