Ir o contido principal

Un curso sobre deseño e cálculo de estruturas con madeira contralaminada cita uns 90 profesionais na EPS

O programa, organizado por Pemade e financiado por Confemadera Hábitat Galicia, inclúe sesións teóricas e prácticas que se desenvolverán do 11 ao 13 de xuño

O curso ‘Deseño e cálculo de estruturas en madeira contralaminada’, promovido pola Plataforma da Madeira Estrutural (Pemade) da USC e que conta con financiamento de Confemadera Hábitat Galicia, citará uns 90 profesionais interesados nas construcións e madeira do 11 ao 13 de xuño na Escola Politécnica Superior de Lugo.

Esta actividade é complementaria do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC e constitúe un curso pioneiro en Galicia sobre madeira contralaminada, no que teñen destacada participación empresas galegas como Maderas Besteiro e tamén firmas establecidas en Austria e Italia, tales como Sotora Enso e Rothoblaas. Así, os distintos relatores analizarán nas diferentes sesións programadas as principais características técnicas e do proceso de fabricación da madeira contralaminada, ao tempo que farán fincapé na práctica de cálculo del forxados e muros, ademais de realizar ensaios no laboratorio da plataforma Pemade. O director da Escola Politécnica Superior de Lugo, Tomás Cuesta; o catedrático da USC e director do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, Manuel Guaita, e o presidente de Confemadera Hábitat Galicia, Elier Ojea, inaugurarán o curso este xoves, a partir das 9.00 horas, no salón de actos da EPS. O arquitecto Julen Pérez Santiesteban abrirá, de seguido, a quenda de relatorios, que se prolongará ata as 21.00 horas e na que intervirán tamén Julia Ahvenainen, Manuel Guaita, e Jorge Crespo. A xornada do venres desenvolverase en quenda de mañá e tarde e estará centrada no cálculo, execución e montaxe de casas de madeira contralaminada, cuestións sobre as que guiarán cadansúa sesión o austríaco Thomas Demschner, de Stora Enso, e Adolfo Montero, de Maderas Besteiro. O curso ‘Deseño e cálculo de estruturas en madeira contralaminada’ rematará o sábado cunha xornada monográfica sobre deseño e cálculo de unións en estruturas de madeira contralaminada impartida polo experto italiano Albino Angeli.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2015.