O Curso de Especialista en Inserción Sociolaboral de Colectivos de Inclusión Social inaugúrase este venres
Os Departamentos de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social e de Didáctica e Organización Escolar da USC organizan un Curso de Posgrao de Especialista en Inserción Sociolaboral de Colectivos de Inclusión Social dirixido a profesionais en activo e en formación que traballan ou van traballar con colectivos que se atopan nunha situación de exclusión social e laboral.
A inauguración e presentación do curso terá lugar este venres, día 9, ás 10:00 na Sala de Xuntas da Facultade de Ciencias da Educación, no Campus Sur, nun acto que contará coa presenza de diversos representantes da Administración Galega e será presidido polo vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló.
A USC organiza este curso en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo, asumindo o reto da formación para a inserción sociolaboral como un compromiso co desenvolvemento persoal, convivencia pacífica e acceso real ao mundo laboral e as súas implicacións no ámbito da profesionalización.
O curso desenvolverase na modalidade semipresencial ao longo deste curso académico 2007-2008, entre o 9 de novembro e o 26 de abril de 2008, baixo a dirección das profesoras Esther Olveira e María Dolores Fernández. A Dirección do posgrao confía en que os seus destinatarios acaden o grao de especialización necesario para unha maior integración sociolaboral e unha cota mínima de calidade de vida dos colectivos en situación de risco.