Ir o contido principal

O curso ESTALMAT-Galicia 2007-08 clausurouse cun paseo matemático e un acto académico

O decano Juan Viaño dirixiu unhas palabras afectousas aos rapaces participantes
O decano Juan Viaño dirixiu unhas palabras afectousas aos rapaces participantes

As actividades dos 25 estudantes que este ano participaron no Proxecto ESTALMAT-Galicia de estímulo do talento matemático remataron este sábado pasado. Faise deste xeito unha paréntese no curso da primeira promoción, xa que estes alumnos deben continuar un ano máis no proxecto. Xa o vindeiro ano académico 2008-09 compartirán as aulas da Facultade de Matemáticas cos outros 25 da segunda promoción, que nestes momentos están a ser seleccionados entre os 200 alumnos de toda Galicia que participaron na proba de selección do pasado 31 de maio.
A xornada de clausura comezou cun paseo matemático pola cidade de Compostela con inicio e remate na Facultade de Matemáticas. Á volta, os estudantes coas súas familias compartiron un café cos 25 profesores do equipo docente para pasar a continuación á Aula Magna do centro e recibir un diploma acreditativo nun acto presidido polo decano da Facultade e presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan Viaño, e no que tamén interviñeron representantes do comité organizador, do equipo docente, dos estudantes e das súas familias.
Estímulo do talento matemáticoO proxecto ESTALMAT-Galicia forma parte dun programa especial de estímulo do talento matemático seguindo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que dende o ano 1998 ven implantándose en distintas comunidades. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas de 12 e 13 anos con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia.
O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España, do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider e do CSIC. No caso concreto de ESTALMAT-Galicia, pilotado pola Facultade de Matemáticas da USC coa participación de profesores de matemáticas do ensino medio, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico de institucións galegas como a Obra Social Caixa Galicia e a Deputación da Coruña.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2008.