Ir o contido principal

Un curso estival afonda no estudo dos ecosistemas mediante a súa caracterización e monitorización

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

Ensinar aos asistentes a caracterizar e monitorizar os diversos hábitats é o obxectivo principal do curso de verán que se impartirá dende o 6 ao 9 de setembro na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) de Lugo. Cun total de dezaseis horas lectivas, esta actividades permitirá aos participantes afondar nos traballos de caracterización dun lugar, que aportan información biolóxica e física do medio ambiente, a historia cultural e os hábitos de uso polos humanos co fin de axudar na predición de condicións futuras e na toma de decisións eficaces de cara á protección do espazo, así como nas labores de monitorización, destinadas a detectar os cambios nas condicións físicas, na distribución ou abundancia de organismos ademais dos cambios causados tanto polos efectos da natureza como pola acción dos humanos. Un grupo de profesionais que desenvolven o seu traballo en diferentes institucións e organismos relacionados co medio ambiente impartirán unha ducia de relatorios nos que abordarán a diversidade de ecosistemas fluviais e de alta montaña, o seguimento das áreas incendiadas en Galicia ou a resposta dos hábitats aos cambios globais. Dirixido polo vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego, este curso estival conta coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo. Toda a información sobre o curso ‘Caracterización e monitorización de hábitats’ pódese consultar na web www.usc.es/cultura/uveran16_10.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2010.