Ir o contido principal

Un curso estival analiza en Lugo os accidentes de tráfico dende unha perspectiva xurídica

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

A problemática xurídica derivada dos accidentes de circulación centrará o curso de verán que a USC desenvolverá dende o 8 ao 10 de setembro no Salón de Actos do Colexio de Avogados de Lugo. Con vinte horas lectivas, este curso permitirá aos asistentes afondar nas diferentes infraccións, sancións e procedementos administrativos en materia de tráfico, analizar as principais tipoloxías de accidentes e as novas estratexias para protexer a seguranza viaria, ou coñecer cómo se leva a cabo a reconstrución de sinistros de circulación mediante programas informáticos. Un grupo de profesionais composto por representantes dos Colexios de avogados e de procuradores de Lugo, altos cargos da administración, membros da Fiscalía Provincial e mandos das forzas e corpos de seguridade do Estado impartirá un total de dez relatorios sobre esta materia combinando a teoría cos supostos prácticos. Dirixido polo profesor Lotario Vilaboy, esta actividade estival conta co financiamento da Dirección Xeral de Xustiza e da Dirección Xeral de Administración Local da Consellaría de Presidencia, a Deputación Provincial, o Concello de Lugo, a Fundación Caixa Galicia, os Colexios de avogados e de procuradores de Lugo e a Fundación Mapfre. Toda a información sobre o curso ‘A problemática xurídica dos accidentes de circulación’ pódese consultar na web www.usc.es/cultura/uveran17_10.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2010.