O curso estival da USC ‘Innovación tecnolóxica nas explotacións gandeiras’ citará 20 relatores do 14 ao 19 de xullo na Pastoriza

O curso de verán da USC ‘Innovación tecnolóxica nas explotacións gandeiras’ citará do 14 ao 19 de xullo na Casa da Cultura do concello de A Pastoriza uns 20 relatores, a maioría pertencentes ao ámbito universitario e a distintas casas comerciais de maquinaria agrícola, que disertarán sobre cuestións ligadas ao emprego de novas tecnoloxías nas prácticas agrogandeiras, sistemas de guiado de máquinas vía satélite, xestión informatizada de parques de maquinaria, robótica e técnicas e sistemas innovadores no muxido de vacún de leite, dispositivos sensoriais para a análise de calidade en colleitadoras de forraxe, e mecánica clásica e fabricación de maquinaria agrícola en Galicia, segundo indicou o director deste seminario incluído na oferta de cursos programados no marco da Universidade de Verán 2014, Javier Bueno Lema.
Os obxectivos deste curso pasan por modernizar a imaxe tradicional asociada de sempre ao sector agrongadeiro, a pesar da constante incorporación de tecnoloxías de última xeración, ademais de divulgar e difundir entre estudantes e profesionais as innovacións tecnolóxicas máis novas que xa están a aplicar nun sector dinámico e que pode presentar múltiples e atractivas oportunidades no horizonte laboral, sinalou Bueno Lema. O director deste seminario estival da USC, que inclúe sesións prácticas e demostracións, ademais de visitas a tres explotacións da Pastoriza na mañá do 20 de xullo, fixo tamén fincapé na necesidade de formación superior en Enxeñaría Agronómica para poder aconsellar ás explotacións agrarias na incorporación das innovacións tecnolóxicas, formación na que a Escola Politécnica Superior de Lugo é un referente en Galicia, remarcou Bueno Lema nun acto no que tamén participaron a tenente de alcalde de A Pastoriza, Elba Carreira, o tamén edil pastoricense Eloi Villada e o presidente de Agamac, Marcos Vázquez Marey. A elección da Pastoriza como sede para a celebración deste curso de verán non é unha casualidade, segundo precisou Javier Bueno, ao tempo que engadiu que esta decisión da USC vén apoiada polo feito de que A Pastoriza é un dos concellos con maior cabana gandeira de Galicia (A Pastoriza) e tamén un dos emprazamentos do territorio español con mais produción láctea. O edil Eloi Villada defendeu na súa intervención que A Pastoriza é o escenario máis acaído posible para a celebración deste tipo de actividades, xa que é un concello de marcada pegada agrogandeira e no que este sector é o piar fundamental do seu tecido socieconómico. Asemade, Villada destacou o particular aproveitamento agrícola do territorio no término municipal de A Pastoriza, onde se acadan unhas cotas de aproveitamento superiores ao 60%, o dobre da media rexistrada na maioría dos concellos. A cabana bovina de vacún de leite de A Pastoriza, onde se teñen contabilizadas 11.744 cabezas de vacún de leite en produción, ademais de 7.597 xovencas, distribuídas en 318 explotacións, son na opinión de Villada, argumento suficiente para a celebración deste programa formativo e divulgativo en A Pastoriza. Este concello chairego é asemade o que, con 91.000 toneladas, concentra a asignación de cota láctea máis grande de España, produce máis leite que Aragón e conta cun censo de bovinos (23.711 animais en 504 explotacións) maior que o rexistrado na provincia de Soria. A tenente de alcalde de A Pastoriza, Elba Carreira, agradeceu na súa intervención o interese amosado pola USC para a celebración deste curso de verán na Pastoriza, ao tempo que indicou que esta actividade, ademais de resultar de interese para os propios veciños, tamén pode servir de escaparate para que os pastoricenses dean a coñecer a súa forma de traballar e a propia organización do seu sector agrogandeiro. O presidente de Agamac, Marcos Vázquez Marei, un colectivo que agrupa máis de 100 socios, destacou que este curso permitirá reflexionar sobre a importancia da mecanización agraria como elemento de desenvolvemento integral e tamén para revitalizar a paixón e fortalecer a autoestima dos traballadores e traballadoras do sector agrogandeiro. Prazo de matrícula O prazo de matrícula deste curso de verán da USC, que conta con cofinanciamento do Concello de A Pastoriza e das empresas John Deere Ibérica S.A. e Durán Maquinaria Agrícola S.L. permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de xullo na páxina web da Universidade de Santiago. Asemade, as persoas interesadas tamén poden consultar ampla información sobre o programa deste curso, que será recoñecido por dos créditos ECTS para os estudantes da USC, na páxina web www.explotacionsgandeiras.com.