O curso de experto en inclusión social inaugurouse en Ciencias da Educación
Os Departamentos de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social e de Didáctica e Organización Escolar da USC, xunto con membros do Grupo Stellae, organizan o curso de formación continua ‘Experto en Inclusión social: a inserción sociolaboral da mocidade galega’ dirixido a profesionais en activo e en formación que traballan con colectivos que se atopan nunha situación de exclusión social e laboral.
Os alumnos asistiron este venres ao acto inaugural que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación presidido polo vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo. Asistiron tamén o subdirector xeral de Menores, Alberto Tizón; o decano da Facultade, Lois Ferradás; os directores dos Departamentos de Didáctica e Organización Escolar e de Teoría da Educación, Antonio Rial e Antonio Rodríguez, respectivamente; e as directoras do curso Dolores Fernández e Esther Olveira.
O curso desenvólvese en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e co Fondo Social Europeo, que asumen o reto da formación para a inserción sociolaboral como un compromiso co desenvolvemento persoal, convivencia pacífica e acceso real ao mundo laboral e as súas implicacións no ámbito da profesionalización.
A este respecto, as directoras do curso confían en que os seus destinatarios acaden o grao de especialización necesario para unha maior integración sociolaboral e unha cuota mínima de calidade de vida dos colectivos en situación de risco.