O curso gratuíto coMprende, dirixido a mulleres universitarias emprendedoras, pecha a inscrición o próximo luns

Con carácter gratuíto, en formato de teleformación e cunha carga lectiva de 35 horas, o curso ‘ coMprende. Competencias necesarias para o Emprendemento das Mulleres’ é unha iniciativa formativa que se vai celebrar entre o 17 de maio e o 13 de xuño. Diríxese a mulleres do ámbito universitario que desexen desenvolver as competencias necesarias para emprender, dende un enfoque emocional e de xénero; estudantes ou tituladas con intención de poñer en marcha unha idea de negocio ou consolidar unha actividade empresarial; así como a integrantes de grupos de investigación de alto rendemento con intención de poñer en marcha unha iniciativa empresarial. O prazo de inscrición rematará o próximo luns 16.
O fin deste curso é mellorar a ratio de intención e participación da muller na actividade emprendedora, así como desenvolver as competencias necesarias para o emprendemento aumentando a confianza das participantes e mellorando as posibilidades de éxito no inicio e desenvolvemento dun negocio.
O programa formativo pretende fomentar, a través do asesoramento profesional, o desenvolvemento de actuacións específicas de orientación e apoio a mulleres universitarias que contribúan a corrixir o marcado desequilibrio de xénero existente no seno destas institucións académicas, facilitando a súa incorporación e permanencia na actividade empresarial. Ao longo de catro semanas de duración, o programa atenderá a cuestións como o plan de empresa, exemplos de boas prácticas e aprender a mapear. Tamén se prestará atención a qué é un hábito e cómo crealo, as competencias intrapersonais e interpersonais necesarias, a intelixencia e conciencia emocional, o liderado feminino, comunicación ou xestión do tempo.
O curso enmárcase en Innovatia 8.3, proxecto froito da colaboración da USC, a través de UNIEMPRENDE e de WomanEmprende, co Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades.