Curso de inclusión social e participación para a transformación na residencia universitaria Jesús Bal y Gay do Campus Terra da USC

A residencia universitaria Jesús Bal y Gay do Campus Terra da USC acubillará os vindeiros días 30 de setembro, 1, 7 e 8 de outubro o curso ‘Da cabeza aos pés’, un programa de inclusión social e participación que está aberto a todo o público interesado. As persoas interesadas en participar como asistentes nesta actividade formativa, que será recoñecida por un crédito ECTS optativo para o alumnado de calquera titulación da USC, poden formalizar a súa inscrición na web da USC ata o vindeiro 25 de setembro.
Estruturado en cinco módulos, cuxa temática abrangue desde a comprensión da vulnerabilidade e a exclusión social, abuso de drogas e impacto na integración social, cadea receptora como xeradora e espazo de inclusión e exclusión social, xénero como eixo de vulnerabilidade social, e Participación social na promoción de sociedades e contextos inclusivos, o curso ‘Da cabeza aos pés’, este programa antóllase como unha proposta formativa acaída para calquera persoa que teña interese en ampliar o seu coñecemento en torno á vulnerabilidade e a exclusión social, así como a todo o público disposto a ollar a realidade social dende unha perspectiva crítica pero tamén posibilista, entendendo a participación e acción social como unha forma de avanzar na promoción de contextos de vida inclusivos. O curso busca aproximar a cidadanía ao fenómeno da exclusión social entendida en clave estrutural, é dicir, pasar do particular ao político, do inevitable ao cuestionamento. Fronte á dinámica da actual organización social, que prima os intereses do mercado por enriba das interese das persoas e da natureza, define as poboacións sobrantes e debilita a cohesión social, esta actividade pretende fomentar a participación social a través dun proceso pedagóxico e práctico orientado a fomentar a posterior creación de redes ou grupos de traballo que avancen na construción de sociedades integradoras. Programa Carmen Morán de Castro, Paola Bretones e Luis Cerna abrirán o 30 de setembro, a partir das 16.00 horas, no salón de actos da residencia universitaria Jesús Bal y Gay, o programa deste curso de inclusión social e participación para a transformación. As sesións formativas continuarán o 1 de outubro, en quenda de mañá, cunha mesa de diálogo guiada por Manuel Varela Veiga. Ao seu remate, Pedro José Cabrera conducirá outra sesión de debate sobre a temática das drogas, mentres que Fátima Estúa impartirá un obradoiro de marcado carácter práctico. O xénero feminino como eixo de vulnerabilidade social centrará os días 7 e 8 de outubro na residencia ‘Bal y Gay’ a temática das sesións programadas no marco deste curso, un programa de formación e divulgación que chegará ao seu remate na tarde do 8 de outubro cunha mesa de experiencias na que intervirán representantes de ‘A Desalambrar’, ‘Conas Ceives’, ‘FotoEducaGaliza’, ademais de voluntarios de Aliad.