O curso Iniciativa Emprendedora impartido pola EOI comezará o día 16
A Escola de Organización Industrial (EOI), entidade experta na posta en marcha de empresas, impartirá a partir do 16 de novembro o seminario ‘ Iniciativa emprendedora’ coa colaboración da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e Uninova.
Trátase dunha actividade teórico-práctica de carácter gratuíto dirixida principalmente a persoas matriculadas nalgún máster da USC interesadas na creación dunha empresa. O proceso formativo consta dunha parte lectiva de 30 horas na que se transmiten conceptos imprescindibles para a creación dunha empresa e refórzase con 40 horas de titorización.
Os módulos da fase lectiva tratan sobre o ecosistema do emprendedor; procesos de innovación no emprendemento; planificación e configuración técnica do novo negocio; e presentación e comunicación dos proxectos. En paralelo crearanse grupos de traballo cada un dos cales terá que elaborar un plan de negocio para unha idea de empresa.
Esta iniciativa, na que as persoas interesadas aínda poden inscribirse, dará comezo en Santiago, na aula de formación do Edificio Emprendia, o día 16 de novembro en horario de 16.00 a 20.00 horas. As restantes xornadas lectivas terán lugar en novembro os días 17, 18, 19, 23, 24 ,30 e en decembro os días 2, 3 e 10. As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881 815 593 ou 881 815 596.