Ir o contido principal

Un curso sobre a pesca do bacallau impartirase en Moaña no mes de xullo

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago impartirá en Moaña, a partir do 20 de xullo, o curso de verán ‘A pesca do bacallau no século XX: historia, economía e traxectorias vitais. O obxectivo do programa será contribuír á divulgación da economía galega e do sector pesqueiro no período posterior á Guerra Civil.
Ao longo das 30 horas das que consta o programa analizarase, pois, esta etapa, considerada moi dinámica e marcada polo desenvolvemento da pesca do bacallau, unha actividade que resultaría de importancia decisiva no devir da historia pesqueira e industrial de Galicia.
A finalidade deste curso, dirixido por Jesús Giráldez Rivero, é axudar á divulgación dun período da historia económica e social de Galicia bastante descoñecidas. Así, tratarase de facer partícipes das diferentes sesións a moitos dos protagonistas vivos dos procesos investigados e ao conxunto da sociedade civil.
A taxa xeral de matrícula para asistir a estas sesións que se desenvolverán no Salón de Actos do IES As Barxas de Moaña ata o 22 de xullo é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 10 de xullo), xa está aberto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2009.