Ir o contido principal

O X Curso de Primavera da USC converte o campus de Lugo nun foro multidisciplinar de análise e debate sobre a violencia

Suárez Golán, González Rey, García Herradón e Outeiro Iglesias, na inauguración do X Curso de Primavera da USC
Suárez Golán, González Rey, García Herradón e Outeiro Iglesias, na inauguración do X Curso de Primavera da USC
García Herradón defende na apertura deste programa á continuidade da Facultade de Humanidades como complemento e alternativa dunha oferta formativa especializada

O X Curso de Primavera da USC, que se desenvolverá ata o venres na Facultade de Humanidades, converterá durante esta semana o campus lugués nun foro multidisciplinar de análise e debate sobre a violencia e as súas múltiples manifestacións, tal e como puxo de manifesto o vicerreitor de Coordinación e Planificación, Pedro García Herradón, no apertura do seminario ‘A violencia na cultura e na historia’, un programa coordinado polos profesores da USC Fernando Suárez Golán e Ana Cabana Iglesia, no que participarán preto de 30 relatores e que rexistrou a inscrición de máis de 70 persoas.

“A violencia é unha constante humana que está presente desde os comezos da historia”, salientou o profesor Suárez Golán, que logo de argumentar a oportunidade da temática escollida para a décima edición dos Cursos de Primavera da USC, remarcou que “a perenne presenza da violencia na cultura humana acada se cabe un maior protagonismo nas etapas de crise económica, como a que nos afecta na actualidade”. A decana da facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, destacou na apertura deste foro o éxito dos cursos de primavera da USC, unha iniciativa recuperada no ano 2005 e que atopa as súas orixes nos programas homónimos que empezou a desenvolver en Lugo a Universidade de Santiago de Compostela na década dos anos sesenta do pasado século XX. González Rey fixo tamén especial fincapé na implicación do profesorado da Facultade de Humanidades na organización das distintas edicións dun programa formativo e divulgativo que xa merece a consideración de proxecto de centro. Asemade, a decana da Facultade de Humanidades remarcou a variedade e o interese das temáticas escollidas nas distintas edicións dos Cursos de Primavera da USC, o que, na súa opinión, proba a formación multidisciplinar que ofrece este centro universitario. O acto de inauguración institucional do X Curso de Primavera da USC, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, contou tamén coa participación do deputado delegado da área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, quen logo de trasladar os seus parabéns a todos os organizadores deste curso, manifestou o seu convencemento de que este foro de debate e reflexión servirá para facer propostas de utilidade fronte ao problema da violencia nas súas distintas manifestación. O profesor do Departamento de Ciencia Política e da Administración da USC Antón Losada abriu a queda de intervencións do programa cun relatorio inaugural que se desenvolveu baixo o título ‘A violencia como coartada política’. Unha actividade arredor dunha exposición de paneis instalados na Facultade de Humanidades nos que se achega cumprida información sobre a vida e a violencia na Gallaecia castrexa e romana, seguida dun relatorio sobre a conservación do castro de Viladonga, a cargo de Carolina Pérez e Felipe Arias, e outra charla sobre a violencia pública e privada na antiga Gallaecia, da man dos profesores da USC José Costa e Erick Carlsson, pecharon a primeira xornada do curso. A violencia na arte e no discurso fílmico, o trauma do franquismo desde unha perspectiva de xénero, o empoderamento feminino na loita contra a violencia de xénero ou a cultura da paz serán algúns dos temas a tratar este mércores nas distintas sesións programadas na segunda xornada do X Curso de Primavera da USC. Os novos movementos sociais de protesta, o renacer de forzas políticas extremistas, violentas por definición, ou o problema da violencia de xénero na sociedade actual serán outras das cuestións que serán obxecto de debate e reflexión no marco deste programa formativo e de divulgación da USC, que chegará ao seu fin o venres 25 de abril cun recital de poesía contra a violencia, guiado por Claudio Rodríguez Fer. Antón Losada e Francisco Durán Asistentes ao curso

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2014.