Ir o contido principal

Un curso en Psicoloxía actualiza os últimos avances en materia de violencia de xénero

Un curso en Psicoloxía actualiza os últimos avances en materia de violencia de xénero
Un curso en Psicoloxía actualiza os últimos avances en materia de violencia de xénero

A Facultade de Psicoloxía acolle dende este mércores e ata o próximo sábado 10 unhas xornadas de actualización en violencia de xénero, iniciativa que promove a Unidade de Psicoloxía Forense da USC xunto coa Asociación Galega de Psicoloxía e Lei, a Sociedad Española de Psicología Jurídica y Forense e o grupo PS1 da Universidade de Vigo O acto inaugural celebrouse este mércores presidido polo reitor Juan Casares nunha xornada na que tamén estiveron presentes a secretaria xeral de Igualdade, Marta González, e a decana do centro, Carolina Tinajero. Deseguido, o catedrático de Psicoloxía Criminal da USC, Jorge Sobral, abriu a quenda de intervencións cun relatorio sobre ‘Sociedade androcéntrica, psicoloxía e agresión sexual’. Seguiralle, o tamén catedrático da USC Ramón Arce falando sobre as particularidades da proba pericial psicolóxica en casos de violencia de xénero. Esta primeira xornada rematará pola tarde coa celebración dunha mesa redonda na que xuristas e psicólogos realizarán unha análise xurídica da Lei de violencia de xénero. Este curso, recoñecido cun crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC, procura un tratamento integral e multidisciplinar da violencia de xénero, dende o punto de vista particular da atención á vítima e a intervención co agresor. A partir deste enfoque pretende operar como espazo de debate sobre a temática contando coas de todos os colectivos e profesionais implicados. As persoas interesadas atoparán ao longo dos catro de días que dura o curso diferentes achegas nas que se fará unha análise xurídica da Lei de violencia de xénero e se debaterá sobre a intervención con maltratadores, xa sexa en prisión ou en liberadade, e coas vítimas, profundando tamén nos avances neste eido e noutros aspectos como os factores psicosociais desta manifestación violenta, a avaliación psicopatolóxica ou a proba pericial psicolóxica neste contexto.

As intervencións programadas corresponden a expertos universitarios procedentes das universidades de Barcelona, Vigo, Murcia, Granada e Oviedo, e a profesionais do ámbito da Xustiza, da psicoloxía clínica, da administración estatal e de consultoras especializadas neste ámbito.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2010.