Ir o contido principal

Un curso reflexionará sobre os distintos factores asociados á atención de persoas enfermas de cancro

Un curso reflexionará sobre os distintos factores asociados á atención de persoas enfermas de cancro
Un curso reflexionará sobre os distintos factores asociados á atención de persoas enfermas de cancro
Proporán un debate arredor de cuestións legais, sociolóxicas, psicolóxicas, sanitarias e tamén en materia de alimentación ou exercicio físico, entre outros

O curso ‘ Oncoloxía integrativa (II): integrando outras miradas no proceso de atención a pacientes oncolóxicos’ propón unha reflexión arredor de todas aqueles factores que afectan as persoas enfermas de cancro. O programa contará en calidade de relatores e conferenciantes con profesionais da saúde procedentes de diversos centros asistenciais, así como de persoal investigador e especialistas en cada unha das materias tratadas. O curso conta co recoñecemento de interese sanitario por parte da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia.

O curso comezará o 18 de xullo cunha intervención de Nuria Aragonéz Sanz, medica do Servizo de Epidemioloxía do Cancro do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III, que aborda a epidemioloxía do cancro, a situación actual da enfermidade en España e prestará atención a factores de risco. Tamén se abordará a relación entre esta enfermidade e a alimentación ou a importancia do exercicio físico na súa prevención, tratamento e na supervivencia dos doentes. A primeira xornada completarase con dous obradoiros sobre educación nutricional para pacientes oncolóxicos e exercicio físico para a prevención e calidade de vida.

O programa do martes 19 de xullo comezará da man do catedrático en Socioloxía da Universidade de Salamanca Fernando Gil Villa para realizar unha análise sociolóxica da enfermidade, para continuar cun relatorio que proporá unha reflexión sobre as necesidades especiais asociadas ao cancro na infancia e na adolescencia. A sesión matinal rematará avaliando as posibilidades que achegan a talasoterapia no coidado dos pacientes. Os talleres que se impartirán pola tarde incidirán na hidrocinesioterapia en piscina dinámica de auga de mar e na dieta atlántica.

O mércores 20 o primeiro relatorio estará dedicado á importancia do autocoidado nos profesionais da oncoloxía, tema que tratará o coordinador da Unidade de Psico-oncoloxía do Institut Catalá d’Oncología, Francisco Gil Moncayo, e continuará referíndose ás necesidades do paciente como base do coidado e a toma de decisións compartidas, da man do médico oncólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago Francisco Barón. A seguinte cita do programa será a mesa redonda ‘Protocolos de tratamento versus protocolos de coidados. O paciente como centro dunha atención integral’ que reunirá a profesionais sanitarios para reflexionar sobre o rol dos oncólogos/as, das enfermeiras/os como coidadores e asesores, o incorporación do exercicio físico, o asesoramento nutricional ou a utilidade dos grupos interactivos de pacientes.

Pola tarde, nunha mesa redonda presentaranse diversas experiencias en nutrición, oncoloxía integrativa no Memorial Sloan Kettering Cancer Center de New York, o proxecto ‘Paciente experta’ nunha Unidade de Mama ou sobre a toxicidade do paciente oncolóxico inducida por quimio e radioterapia, entre outras. Taméns e celebrará un obradoiro de climatoterapia.

No derradeiro día do curso, o 21 de xullo, o primeiro tema será o retorno ao traballo despois do cancro, cunha mesa de expertos xunto aos que tamén intervirán pacientes. Xunto esta mesa, celebrarase outras sobre novas liñas de investigación para dar paso á terceira do día sobre o impacto da imaxe persoal na sexualidade e na fertilidade e cómo abordalo. O curso rematará aludindo á historia clínica e a relación sanitario-paciente e cunha análise crítica das campañas de sensibilización, que precederán á reflexión final e conclusións do encontro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2016.