Ir o contido principal

O Curso Superior de Xestión da Comunicación Multimedia da USC ofrece talleres de ficción, audiencias e videoxogos

O Curso Superior de Xestión da Comunicación Multimedia que organiza o Departamento de Ciencias da Comunicación da USC ten programados oito talleres de formación sobre creación e guión de produtos de ficción, análise de audiencias, redes sociais, dereitos de autor e contidos para videoxogos.
Dirixido polos profesores Xosé Soengas e Francisco Campos, o vindeiro 7 de novembro rematará o prazo de inscrición neste curso que inclúe ademais doce leccións sobre televisión dixital terrestre, televisión por internet, o futuro da prensa fronte á converxencia dixital, a promoción de produtos editoriais, a comunicación e a Responsabilidade Social Corporativa.
O curso comezará o día de novembro coa intervención de Joan Majó, experto europeo en xestión da televisión pública que foi ministro de Industria e Enerxía e director xeral da Corporación catalá de Radiotelevisión. Intervirán tamén Pedro Jorge Braumann, da Radio Televisión de Portugal, e André Sendin, director do Departamento de Comunicación Multimedia da Escola de Comunicación Social da Universidade Politécnica de Lisboa. De España participarán máximos responsables e expertos da industria gráfica de IFRA, OJD e medición de audiencias de televisión. Pola súa banda, os directores das Televisións de Galicia e de Valencia, Xesús Iglesias e Anxo Quintanilla, respectivamente, presentarán o panorama da TDT pública autonómica en España mentres que Carlos Carballo, Rafael Ramos e outros representantes das novas concesións falarán do panorama desde a empresa privada.
Impartiranse ademais unha serie de talleres como Televisión por Internet, a cargo de Julio de Diego, de Vicocom; A medición da fragmentación das audiencias de televisión en España, con Ricardo Vacca; A medición da difusión da prensa de pago, a gratuíta e a electrónica, por responsables de OJD; A creación de ficción en Galicia: formatos, tramas e persoaxes, con Xosé Cermeño; Como crear e escribir ficción para televisión, a cargo de Pedro Gómez, creador das máis famosas series da televisión en España; Contratos de dereitos de autor e Propiedade Intelectual; Xestión de Redes Sociais; e Argumentación e guionización de contidos para videoxogos, a cargo de Miguel Sicart.
Os interesados en participar neste curso, que ten recoñecidos 12 créditos de libre configuración, deben poñerse en contacto co Departamento de Ciencias da Comunicación (ccsec [at] usc.es (ccsec[at]usc[dot]es)).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2008.