Ir o contido principal

Un curso da USC analiza as tendencias e correntes da narrativa xuvenil no século XXI

O encontro, dirixido pola catedrática Blanca-Ana Roig, desenvólvese ata o venres 7 na Biblioteca NovaCaixaGalicia de Santiago de Compostela

O martes 4 deu comezo a novena edición do Curso de Formación Continua As Literaturas Infantís e Xuvenís Ibéricas que organiza a USC e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na Biblioteca NovaCaixaGalicia en Santiago de Compostela (Frei Rosendo Salvado, 14-16), e que este ano está centrado na análise das correntes e tendencias da narrativa xuvenil na primeira década do século XXI. En palabras dos organizadores, "o obxectivo do curso é propiciar unha formación na materia, novidosa e complementaria para mediadores, profesores, persoal de bibliotecas e alumnos; unha temática, a da literatura xuvenil, xeralmente excluída dos planos de estudo oficiais e, con todo, dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das tecnoloxías de información e a comunicación". Os directores do curso, a catedrática da USC Blanca-Ana Roig Rechou e o director da Biblioteca NovaCaixaGalicia Pedro Lucas Domínguez, foron os encargados de abrir a sesión inaugural do encontro, no que participan máis de 60 alumnos e no que Xosé Neira Vilas foi o gran protagonista da xornada inaugural co seu relatorio sobre os inicios da literatura xuvenil. Os tamén escritores Ramón Caride, Anxo Fariña, Santiago Jaureguizar e Pepe Carballude participaron neste primeiro día do encontro, que se completou coa presentación do informe sobre docencia e investigación en literatura infantil e xuvenil correspondente ao bienio 2011-2012. A actividade do mércores 5 ábrese cunha intervención da profesora da USC Pilar Bendoiro sobre a tradución das narrativas xuvenís ao galego, logo da cal Lourdes Lorenzo, da Universidade de Vigo, falará sobre as técnicas tradutolóxicas nas narrativas xuvenís. A continuación os escritores An Alfaya e Francisco Castro realizarán unha intervención conxunta centra na relación entre novela histórica e Guerra Civil. Na sesión de tarde do mércores 5 os escritores Rosa Aneiros e Marcos Calveiro darán as súas respectivas visións sobre as novas formas literarias, e a actividade do día péchase co relatorio ‘A construción literaria nas obras de Marilar Aleixandre e António Mota’, a cargo da profesora da Universidade de Aveiro Ana Margarida Ramos. Programa para os días 6 e 7 O xoves 6 o programa iníciase cun relatorio a cargo de Fausto Isorna e Gemma Sesar, do proxecto El Patito, centrado na proposta desta iniciativa editorial. A continuación José María Mesías, da Universidade da Coruña, falará sobre a fotografía como elemento de ilustración na literatura xuvenil. Na xornada de tarde farase a presentación dos informes da Rede de Literatura Xuvenil nos ámbitos castelán (incluída Hispanoamérica), catalán, galego, portugués (incluído Brasil) e vasco; e daranse a coñecer os novos portais da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes de autores de literatura infantil e xuvenil como o galego Agustín Fernández Paz ou a arxentina Ema Wolf. A actividade do día 6 rematará cun taller de creación literaria. O venres 7 ábrese cun espectáculo de narración oral denominado ‘Contos do demo’, presentado por Inacio. A continuación terá lugar a presentación do libro A narrativa xuvenil a debate (2000-2011), na que participan Blanca-Ana Roig, Alexia Dotras e o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado. Finalmente, ás 12.30 horas procederase á celebración do acto de clausura e a entrega de certificados aos participantes no curso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.09.2012.