Ir o contido principal

Un curso da USC en Guitiriz abordará a importancia da alimentación e a actividade física nos enfermos de cancro

Un curso da USC en Guitiriz abordará a importancia da alimentación e a actividade física nos enfermos de cancro
Un curso da USC en Guitiriz abordará a importancia da alimentación e a actividade física nos enfermos de cancro
UNIVERSIDADE DE VERÁN 2012

O balneario da localidade lucense de Guitiriz será a sede do curso de verán da USC Alimentación e actividade física: a súa importancia no proceso de atención a persoas afectadas por cancro. A actividade desenvolverase entre os días 16 e 18 de xullo e está dirixida por Lourdes Martínez Odériz, da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, e Salvador Ramos Rey, director médico do balneario no que se desenvolve o curso. A conferencia inaugural do curso denomínase ‘Alimentación e cancro: da sospeita á evidencia’, e estará impartida conxuntamente polos dous directores do curso. A continuación Francisco Barón Duarte, médico oncólogo do CHUS, falará sobre a importancia do cambio de paradigma no proceso de atención ao paciente oncolóxico, cun relatorio que leva por título ‘De paciente con cancro afectada por cancro’. José Luis Mauriz Gutierrez, da Universidad de León, centrará a súa intervención nas bases fisiolóxicas do exercicio físico para a prevención e o tratamento do cancro, mentres que a nutricionista Lucía Gayoso Morandeira pechará a xornada de mañá do día 18 co relatorio ‘Son necesarios os suplementos nutricionais? Importancia da achega de dAGPI w3 e de antioxidantes na prevención e o tratamento do cancro’. A sesión de tarde estará integramente dedicada ao desenvolvemento de diversos talleres sobre antropometría e valoración nutricional, actividade física en piscina, cociña saudable e iniciación á marcha nórdica. A xornada do 17 ábrese co relatorio ‘O proceso de coidados a persoas con cancro. O papel da enfermería na coordinación da asistencia. Modelo de enfermeira xestora de casos’, a cargo de Mercedes Carreras Viñas, subdirectora xeral Desenvolvemento e Seguridade Asistencial da Xunta de Galicia. Ao seu remate, de novo os directores do curso realizarán unha intervención conxunta, neste caso para falar sobre obesidade e sobrepeso en mulleres afectadas por cancro de mama. As profesoras Isabel García Espejo e Cecilia Díaz Méndez, da Universidad de Oviedo, achegarán ao curso unha conferencia sobre hábitos alimentarios, á que seguirá outra sobre ‘coaching saúde’ por parte da experta en coaching María Grannel. A sesión de intervención péchase co relatorio ‘ Exercicio físico en persoas afectadas por cancro’, a cargo de Marta González Freire, da Universidad Europea de Madrid. A sesión de tarde dedicarase a afondar nos talleres desenvolvidos o día anterior. O día 18 o curso incorpora unha mesa redonda coa presentación de diversas experiencias de traballo no ámbito oncolóxico. Os temas que se desenvolverán son, entre outros, a relación entre obesidade e cancro, o exercicio físico en pacientes con cancro de mama, a prevención e o manexo de linfedema, a nutrición do paciente durante os tratamentos de radio-quimioterapia ou a actividade física no medio acuáticos para paciente oncolóxicos. O curso péchase con dúas conferencias finais: ‘Paciente activo: a importancia das asociación de pacientes’, que contará coa presenza de representantes das asociacións Adicam, Ascamma, Auxo-Chus, Fecma e Puntoeseguido; e unha última titulada ‘Exercicio tamén para a mente: a utilidade dun programa de redución de estrés baseado na atención plena (mindfulness)’, a cargo da experta nesta técnica Carola García Díaz. A actividade consta dun total de 15 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2012.