Ir o contido principal

Un curso de verán abordará a interpretación e a actuación na toponimia

A interpretación e a actuación na toponimia son cuestións non incluídas habitualmente nos currículos universitarios dos graos e que se converterán do 16 ao 19 de xullo nos argumentos centrais dun curso de verán que se vai celebrar nas facultades de Filosofía e Filoloxía. Esta é unha acción formativa que, ademais, dará a coñecer a historia da conformación tiponímica do territorio, as implicacións da toponimia con outras disciplinas (xeografía, marco xurídico, arqueoloxía e paisaxe, antropoloxía ou literatura, entre outros) e tratará de incentivar a realización de actividades de recollida toponímica e de normalización lingüística. Expertos/as e investigadores/as das universidades de Santiago, Deusto, Heidelberg ou Vigo, da Real Academia Galega, da Asociación Galega de Onomástica ou do Instituto de Estudos Miñoranos serán os relatores do programa no que tamén se inclúen un obradoiro de interpretación etimolóxica e unha serie de sesións de introdución á metodoloxía á recollida de microtoponimia, práctica no terreo ou iniciación ao tratamento informático dos datos, entre outras cuestións. O programa estenderase ao longo dun total de 30 horas lectivas baixo a dirección de Ana Isabel Boullón. Para acadar máis información sobre este curso ou sobre o proceso de matrícula, as persoas interesadas poden visitar a web da Universidade de Verán 2013 (http://www.usc.es/cultura/uveran13index.htm).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2013.