Ir o contido principal

Un curso de verán en Lalín debate sobre a educación en igualdade 2.0

Un curso de verán en Lalín debate sobre a educación en igualdade 2.0
Un curso de verán en Lalín debate sobre a educación en igualdade 2.0
UNIVERSIDADE DE VERÁN 2012

O Auditorio Municipal do Concello pontevedrés de Lalín converterase do 17 ao 20 de xullo nun espazo de debate acerca das novas tecnoloxías e o seu papel na comunicación en igualdade. No curso de verán ‘Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: educar na comunicación igualitaria’ que dirixen María José Méndez Lois e Celso Taboada Lorenzo debaterase sobre a educación en igualdade nos ámbitos educativo e social, analizando boas prácticas para o desenvolvemento de actuacións igualitarias na escola, á vez que se falará do uso responsable e saudable de internet e das diferentes redes sociais. O curso inaugurarao Judith Torrea Oiz, xornalista especializada en violencia en Ciudad Juárez (México), coa conferencia ‘Indefensión aprendida a través dos medios de comunicación’. Nesa primeira xornada, dedicada á linguaxe incluínte, participarán as xornalistas Olga Castro Vázquez e Ana Belén Puñal Rama para ofrecer o seu punto de vista acerca do uso da linguaxe sexista nos medios de comunicación. A sesión rematará cunha mesa redonda sobre os blogs con fundamento para a educación en igualdade. As redes sociais centrarán a xornada do mércores 18, na que participarán as investigadoras Mar Camacho i Martí e Dolors Reig Hernández e na que Jorge Flores Fernández, experto en TIC e fundador e director de Pantallas Amigas, explicará o ciberbullying, grooming, sexting e outros problemas para a infancia e a adolescencia. Sobre o liderado das mulleres nas TIC falará Mª Angustias Bertomeu Martínez, experta en comunicación dixital, producións multimedia e asesora en TIC e xénero. O xoves 19 serán as imaxes e os estereotipos de xénero os temas das charlas, que correrán a cargo de persoal experto das Universidades Pontificia de Salamanca e Valladolid así como da artista Yolanda Domínguez e da presidenta da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios de Comunicación. Na derradeira xornada, titulada ‘Rompecontos’, a xornalista Pilar López, a educadora social Carmen Cantillo e a investigadora Luisa Reboledo analizarán os estereotipos e roles de xénero na programación infantil e explicarán cómo os contos e o teatro son óptimos recursos para educar-sensibilizar en igualdade

O curso está recoñecido como actividade homologada de formación permanente do profesorado non universitario por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2012.