Ir o contido principal

O curso de verán 'Psicoloxía e Psiquiatría Forense' comezará explicando a proba pericial no eido penal

CURSOS DE VERÁN USC 2007

‘A proba pericial no eido penal’ será o título da conferencia coa que dará comezo este xoves, día 2, ás 9:30 horas o curso de verán ‘Psicoloxía e Psiquiatría Forense’ e que pronunciará o profesor do Departamento de Psiquiatría e Psicoloxía Social da Universidade de Murcia Sebastián de la Peña. As xornadas, dirixidas polos profesores da USC Ramón Arce Fernández e Francisca Fariña Rivera, terán lugar na Aula de Cultura do Concello de Catoira ata o vindeiro sábado, día 4.
Logo deste inicio, a primeira sesión académica continuará ás 12:00 horas da man de Ramón Arce quen explicará cómo avaliar a veracidade das testemuñas e das declaracións. Pola tarde, a xornada rematará ás 16:30 horas cunha mesa redonda acerca dos intereses dos menores nos procesos de separación e divorcio.
Ao día seguinte, a proba pericial no Instituto de Medicina Legal de Galicia será a primeira cuestión que tratará ás 10:00 horas a psiquiatra forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia, Irene Linares.
Dúas horas despois, o catedrático de Medicina Legal e Forense da Universidade de Murcia, Eduardo Osuna Carrillo de Albornoz, falará sobre a pericia forense e o consumo de tóxicos. Xa na sesión vespertina, os profesores Eduardo Osuna, Ramón Arce, Sebastián de la Peña e Irene Linares debaterán a partir das 16:30 horas a proba pericial psicolóxica no eido penal.
No transcurso da última xornada do encontro, a xefa de servizo de Institucións Penitenciarías de Medio Aberto, María Yela, analizará ás 10:00 horas a intervención psicolóxica no medio aberto de prisións e ás 12:00 horas realizará un estudo de casos. Como peche do curso, a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor da Universidade de Vigo, Francisca Fariña, pronunciará o relatorio ‘Peritaxe psicolóxica en procesos de separación ou divorcio’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.08.2007.