Un curso de verán tratará a contribución dos portos pequenos e medianos no escenario marítimo europeo
A contribución ao desenvolvemento das comunidades locais dos portos pequenos e medianos no novo escenario marítimo europeo será a cuestión a tratar nun curso que se impartirá no Campus de Verán de Muros do 22 ao 26 de setembro. As sesións académicas, que suman un total de 31 horas lectivas, diríxeas Manuel González López e están cofinanciadas polo Concello.
Con este seminario preténdese profundar na evolución recente do tráfico e as actividades no mar en Europa. Así, examinarase o Libro Verde sobre Política Marítima, a creación da autoestrada no mar do suroeste de Europa e o Proxecto ATMOS.
Sobre Galicia, os expertos falarán do seu desenvolvemento histórico, os portos como elementos clave neste proceso, os cambios sucedidos nos últimos vinte anos, a estrutura portuaria galega actual e o presente o futuro da mesma.
Tamén se achegará o impacto da estratexia de Portos de Galicia no crecemento das comunidades costeiras e o labor dos Grupos de Acción Costeira. Ademais, realizaranse visitas guiadas aos portos de Muros, Cee e do Freixo-Oures.