Un curso de verán da USC abordará en Antas de Ulla do 7 ao 9 de xuño o futuro do sector lácteo en Galicia

A análise da situación actual e do escenario que agarda no futuro inmediato ao sector lácteo galego trala desaparición das cotas de produción centrará a temática do curso da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 7 ao 9 de xuño na Casa da Cultura de Antas de Ulla.
Estruturado en 16 horas lectivas, este programa estival dirixido polos profesores da USC na Escola Politécnica Superior Martín Barrasa e Manuel Marey, comezará co relatorio ‘O escenario post-cotas: e agora?, a cargo de Edelmiro López Iglesias, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC. O profesor da USC Francisco Sineiro e o investigador do Ingacal César Rech completarán a quenda de relatorios da xornada deste foro con cadansúa intervención, nas que tratarán algunha das claves da produción de leite sen cotas e o caso de Galicia diante deste novo escenario. A alimentación como factor clave para a rendibilidade das explotacións leiteiras, a dedicación e o traballo que require esta actividade e as prestacións que ofrecen os robots de muxido serán algunhas das cuestións a tratar polos relatores convidados a participar na segunda xornada deste curso, cuxo programa tamén inclúe visitas a explotacións de vacún de leite na comarca da Ulloa. Unha visita ás novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) da USC, onde o profesor da USC Juan Méndez Ónega ofrecerá un relatorio sobre os procesos de transformación do leite, servirá de colofón deste curso estival da USC, cuxos participantes tamén visitarán na última xornada as instalacións da empresa Innolact. As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.