Un curso de verán da USC achega contidos sobre dereitos lingüísticos aos estudantes de Dereito
A lexislación vixente sostén que os graduados en Dereito en Galicia deben estar preparados para satisfaceren na súa actividade profesional os dereitos lingüísticos dos cidadáns recoñecidos na Constitución, o Estatuto de Autonomía ou a Lei de Normalización Lingüística tales como poder dirixirse en galego á Administración pública con sede en Galicia e esixir o seu uso. Á vista de que os programarios tanto da licenciatura como do grao de Dereito non inclúen explicitamente contidos sobre esta cuestión, a profesora do departamento de Dereito Administrativo Alba Nogueira e a responsable da Área de Normalización do Servizo de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, decidiron darlle forma nun curso de verán que se desenvolverá entre o 12 e o 14 de setembro na facultade baixo o título ‘ O galego no Dereito. Témoslle lei’. O curso inaugurarao o presidente do Institut d’Estudis Autonòmics, Carles Viver Pi-Sunyer, que foi vicepresidente do Tribunal Constitucional no momento en que se ditou a principal xurisprudencia en materia de dereitos lingüísticos, e está tamén prevista a participación do maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela, entre outros moitos conferenciantes expertos na materia. Todos eles axudarán a comprender os diferentes papeis que lles corresponden aos poderes públicos, como responsables de protexer e fomentar o uso da lingua, e aos cidadáns no exercicio dos dereitos lingüísticos. Para iso coñeceranse experiencias concretas que poidan indicar como regular ou abordar o respecto dos dereitos lingüísticos no ámbito do Dereito. En definitiva, o curso pretende ofrecerlle aos asistentes referentes sociais de profesionais que usan o galego no seu traballo diario para tentar acadar os obxectivos do Plan de Normalización do Galego da USC dentro da campaña específica desenvolvida para a Facultade de Dereito co mesmo lema, Témoslle Lei.